Deixei nos últimos días, por mor do frío, de pasear polas rúas de Ferrol tal e como adoito facer tras cear. Un paseíño pasiño a pasiño, como digo eu, permíteme na meirande parte dos casos evitar o cambio de canles e enfurruñar nos moitos programas que preceden á emisión de algunha película. Sempre gostei do cine, aínda que, nos últimos tempos, a memoria faime malas xogadas e pasa que volvo ver unha que non hai moito xa vira, pero como non lembro o final pois volvo a ela. Ao que ía, que era o dos paseos. Atópome con moi pouco xente sempre e cando non se trate da fin de semana, pero a tristura de ver as rúas baleiras fálame do que se ten perdido nesta cidade en costumes tan sanas como as que practican noutras cidades e vilas galegas, nas que se adoita ver á xente percorrer mesmo de xeito reiterado os memos roteiros. Procuro eu cambialos, aínda que, como é lóxico, co mesmo destino final. Vexo a un matrimonio, non moi maior –ao menos máis xove que eu– caseque tódolos días, pero pouco máis, no centro histórico. Xa non quero pensar noutros barrios. Mágoa da perda de costumes.