TRACTORES NAS RÚAS

|

As dúas grandes revolucións económicas da Galiza presente foron a pesqueira e a gandeira. 
A primeira alentada por unha burguesía urbana costeira, progresista. A segunda por milleiros de pequenos propietarios rurais, labregos do interior, moitos retornados da emigración. Porén, nas nacións dependentes, os esforzos do pobo común, cando carecen de poder político, terminan por ser afogados pola cobiza dos donos do poder. Este é o caso do sector leiteiro, como séculos antes pasou coa industria do liño. 
Por iso, malia que producimos entre un 35-40% do leite do Estado español, non foi unha casualidade que se dixese que o leite galego só podía competir se melloraba a calidade e produción por vaca. 
E  aínda que mellorou ate se converter nun produto excelente, como se recoñece nesta altura, utilizouse un novo argumento: que as granxas leiteiras eran aínda moi pequenas. Polo que as políticas do Goberno e da UE provocaron milleiros de peches e unha emigración forzada, con consecuencias catastróficas sobre o mundo rural, o emprego, e a nosa cultura e lingua. 
Agora afírmase que producimos moito, que aínda sobran granxas, malia que o problema sexa que nen as máis grandes dan cuberto os custes. 
O prezo que se paga polo produto é o máis baixo de todo o Estado español, que como ninguén ignora é un mercado único, e como tal se trata, cando interesa. Este non é o caso, e as industrias e máis os grandes distribuidores e áreas comerciais, teñen para cada autonomía e nacionalidade un prezo distinto. Neste caso importa máis o excedente que a unicidade do mercado. 
Neste contexto é lóxico que o sector lácteo galego se sinta desamparado, que se remexa, que proteste, que olle con desconfianza as axudas que vai conceder o Ministerio, que arrecenden ao sedante que se lle dá ao condenado a morte, máxime cando despois se poñen todo tipo de trabas, cambios na normativa e letra pequena ao concedelas. 
E mentres tanto, a Xunta, para alén das declaracións obrigadas, olla para outro lado, deixa pasar o tempo, esperando que o tema se resolva só, ou que o sector morra sen lle facer dano electoral. A isto algúns chámanlle saber gobernar.

TRACTORES NAS RÚAS