O ESPAZO POLÍTICO DE GALEGUISMO

Oenfrontamento electoral do 21-O librouse no eido da contradición entre dereita e esquerda e menos na contradición Galicia-Estado. Diríase que, diante dos recurtes ao Estado do Benestar e diante da recesión da actividade económica e incremento do desemprego cumpría póren valor as dinámicas de oposición á enxurrada dereitista (“hai que paralos”, “para facerlles frente”) acadando un valor moi secundarizado a reivindicación do autogoberno e de asumir Galicia como medida social, económica e política de todas as cousas. A intercoalición técnica entre a Anova de Beiras e a IU hexemonizada polo PCE respostou a esta dinámica: segundo a que compre a unidade das esquerdas, sexan federalistas simétricas ou autonomistas, for independentistas.

Existe espazo entre a dereita ultraconservadora española e as formulacións frontistas de esquerdas, con predominio no seu seo das opcións altermundialistas ou vencelladas ao marxismo dogmático? Da resposta depende a orientación a desenvolver polos galeguistas. Poderán optar por ser bisagristas que garantan a maioría ao turnismo bipartidista e, tamén, por enfortecer a achega galega da fronte de esquerdas. Ou poderán traballar para construir un espazo de maiorías entre a dereita española e a esquerda mixta.

A segunda opción é máis complexa, pero máis proveitosa para o país. Opción que haberá de se construir sobre solucións mixtas alicerzadas no progresismo inclusivo e na socialdemocracia, con concesións ás achegas máis socialliberais. Ou sexa, apoiar ao emprendemento privado e defender unha sanidade e educación gratuítas, universais e de calidade e un sistema de benestar que garanta a cohesión social.

Mais a liña individualizadora desta opción sería a adopción como eixo transversal a estes elementos dunha concepción do galeguismo como vertebrador da nosa sociedade e do autogoberno como o instrumento esencial para xerar crecemento económico, emprego e benestar.

Se o galeguismo non adopta este camiño, serán outros os que constrúan ese espazo de maiorías dende a centralidade política, pero dende a explicación de Galicia como mera rexión ou apéndice da España.

O ESPAZO POLÍTICO DE GALEGUISMO

Te puede interesar