Perigosos odios

|

Gusto do cemiterio londinense de Highgate, malia que cheguei, cando aló fun, coa lingua de fóra, depois de subir a empinada costa que o separa da estación de metro de Archway. Confeso que me acheguei para ver o lugar onde está enterrado Karl Marx, se ben hai outras tumbas que suscitan as miñas simpatías. O panteón, que desde 1956 acolle os restos do filósofo alemán, obra do escultor británico Lawrence Bradshaw, ten a consideración de monumento de interese histórico. Non obstante, no que vai de mes o mausoleo de Marx foi atacado, vandalizado, mancillado, profanado, aldraxado ou como prefiramos denominalo en dúas ocasións. No primeiro destes incívicos actos, alguén armado cun martelo tentou borrar as letras que figuran na placa de mármore traballada por primeira vez en 1881, cando a morte de Jenny von Westphalen, “the beloved wife”.
Días despois, as catro caras do pedestal que sostén o busto do filósofo, onde en letras douradas podemos ler o coñecido “Workers of all lands unite”, apareceron cheas de frases escritas con pintura vermella.
Case ao tempo, cruces gamadas e outras lindezas emporcaban o monumento ás vítimas do holocausto de Almería.
Vaia panorama bonito!
 

Perigosos odios