Unha tarde de fútbol

Xa non recordaba a última vez que presenciei un partido de fútbol en directo, así que me dispuxen animoso a acudir a un evento que, cando menos, prometía goles e xa que logo entretemento. Ague e Marcos conseguíronme unha entrada para ver ao Deportivo-Córdoba que levaba implícita a adquisición de outra para o Teresa Herrera entre o Deportivo e o Real Madrid. Aquel coa emoción dos puntos en xogo e este co interese de ver a un dos equipos que loitan polo predominio europeo, o que quer dicir mundial. Deste é do que vos quero falar.
En principio este encontro presentábase desigual polas notorias diferenzas entre un equipo e outro; por iso dicía antes o dos goles. Cun campo cheo de xente íanse enfrontar o gato e o rato cun final previsto de antemán. Din que o Real Madrid veu gratis para botarlle unha man á desfeita económica na que está mergullado o Deportivo.  Foi, coma se o equipo da veciña cidade, en xusta compensación, decidira regalárlle o trofeo aos de Madrid, xa que se tomaron a molestia e a amabilidade de vir a botar unha man. Adestrou o Deportivo diante dun rival de categoría, cheo de xogadores multimillonarios e o Madrid tivo coma contrincante a un equipo que aspira a manterse con dignidade na Segunda División e cuxos xogadores, tal e como andan as cousas, non saben se cobrarán a nómina a fin de mes. Esa é a diferenza entre un e outro. Namentres o Deportivo está economicamente nas mans dun administrador concursal, o Madrid está a piques de cerrar a contrata dun tal Bale, o que lle vai supor un desembolso de preto de cen millóns de euros. Uns con tanto e outros con tan pouco: real coma a vida mesma. Se ve que a crise non golpeou a certas institucións deportivas que outrora realizaron operacións multimillonarias con bancos que logo foron rescatados co diñeiro de todos. A min estas manobras, coa que está caendo, parécenme desasisadas. Kaká tamén está preocupado porque non ten continuidade no Real Madrid. Gaña uns dez millóns de euros ao ano, e coma non xoga debe ter cargos de conciencia e desexa liscar. Estiven a mirar con moito interese a evolución deses privilexiados polo campo de Riazor e non abarco a entender como é posible que gañen tanto a cambio do traballo que realizan. Pero non me fagan moito caso, que o mesmo non estou posto no miolo da cuestión e por iso ocorrésenme estas bobadas.
Por aí tamén andaba Casillas, outro rapaz compunxido porque un paisano noso, de Paradela (Lugo), relegouno á suplencia coa complicidade do adestrador, que entende que Diego López está mellor nestes intres que o eterno porteiro do Madrid. Está claro que, malia un excelente currículum, non se pode vivir do pasado e botar de galóns neste mundo do fútbol onde non caben sentimentalismos.
Presenciei o partido dándolle voltas a estes asuntos. O resultado foi o de menos, pois era como a crónica dunha derrota anunciada. A xente participaba eufórica do evento e semellaba que, por uns intres, os outros problemas quedaban aparcados. Pode que esta sexa unha das variables positivas(¿?) do fútbol. Quizais volva a ver máis partidos en directo e o mesmo así acado afondar un pouco máis nas miñas reflexións –para algúns se cadra  irreflexivas– ao tempo de pasar un intre entretido. Gústame  o fútbol, que lle vou facer!

 

Unha tarde de fútbol

Te puede interesar