O drama do lume

|

Ano tras ano, os incendios forestais destrúen o chan que é a base principal do ecosistema, denigre a atmosfera, matan a calidade paisaxista e medio ambiental das zonas afectadas e empobrece o país.
Arde Galicia, e co lume ogallá a mala conciencia daqueles políticos que soamente se preocupan dela para saír na foto, mangueira nas mans, calzando zapatos de “tafilete”. Canta farsa!!
Ano tras ano ímonos acostumando á banda sonora que produce o monte ó arder, ó ruído dos avións e ós gritos desesperados dos veciños afectados.
Non poido máis. Que mal eu fixen a eses canallas que me abrasan? (Nai Natureza). Eses “prendelumes” deberan estar atados ó pé dunha árbore. Ardendo nas brasas, como sucede a milleiros de árbores, á flora e á fauna desde país que pretenden, entre outras cousas, facer cambiar de color.
Semella gozan ollando, tal Nerón, como se devastan bosques, zonas protexidas, vivendas, ilusións de tantas familias. Como morre xente.
Partindo da desconfianza dunha gran maioría do pobo de que hai criminais dedicados a prender lume (sicarios ou non), de que levemos tantos anos sufrindo as máis grandes queimas de toda España, vemos que non diminúe, e que os responsables políticos namais se ocupan de poñer panos quentes, cando os panos quentes, máis ben axudan a avivar o lume e a desconfianza.
Sobre dos equipos humanos que traballan na prevención e na loita contra dos incendios, nada que obxectar. Traballan moi en precario, con poucos medios e a maioría obsoletos. Tanto ós fixos como ós contratados, aplausos. Tantas veces heroes ou heroínas que xogan a vida en cada incendio e mal pagados.
Mentres a poboación do rural siga totalmente esquecida, con centos de aldeas en total decadencia, moitas delas xa inútiles mortuorios, nada de que presumir.
Mentres os “mandaríns” non fagan unha boa xestión política social e económica. Mentres aproveitados empresarios, caciques e baronías sigan sabendo máis que os técnicos e tendo máis poder que o pobo, nada irá a mellor.
Mentres o sector primario, como en tantos outros países, non se tome en serio e os resabidos políticos gobernantes defendan intereses contrarios ós da poboación rural, nada novo baixo o Sol.
Milleiros de hectáreas arrasadas cada ano. E van… A que agardamos para cambiar a política agraria, gandeira, forestal e medio ambiental. Non se decatan os “nosos” sisudos políticos – pois parvos non semellan – asesorados por excelentes técnicos que, mentres bosques, fragas, montes e labrantíos estean en total desamparo, sen os accesos suficíentes, incontroladas cortas de árbores e excesivas plantacións de eucalíptos cuxo refugallo riba do chan é pura dinamita, seguiremos coa mesma cantiga.
Mentres as penas ós “prendelumes” sexan de tarxeta amarela, salvo que chova durante todo o estío, que é pouco probable, anque iso depende sempre en como o/a director xeral ou conselleiro faga os pregos ó santo da súa devoción, seguirá habendo queimas devastadoras. Non só os incendiarios son os culpables da queima.
Mentres os políticos rexeiten ó pobo e gobernen de xeito que as agullas do reloxo do sentido común camiñen ó revés, Galicia seguirá sendo víctima do lume e axencia suministradora de man de obra cualificada e barata, para enriquecer outros países.
Daquela cando algún goberno consiga que as agullas do reloxo do que falo – as que marcan as horas da vida social, cultural, económica e política de todos os galegos e as galegas – xiren ó dereito, sen retraso, estaremos á altura de calquera país europeo.
Daquela, Galicia será outra. A que sempre quixo e debeu ser. Dona de seu.
Non te acostumes Galicia
nin ó lume, nin ós paus.

O drama do lume