A xanela da Charelinha

|

Así, con nh, como correspondería a un galego tradicional sen grafía castelanizadora, nen deturpación. Tradicional e ao mesmo tempo rompedora, como eras ti.
Non, non sabedes do que falo, mais desde hoxe este espazo que teño para poder facer chegar as miñas hulmildes palabras a vós, vaise chamar a xanela da Charelinha e, como para todo, para isto tamén hai unha explicación. É a miña cativa homenaxe a unha grande muller, a miña avoa.
A vida concedeume moi pouco tempo para poder estar con ela, pero ensinoume máis que calquera persoa no mundo a amar as miñas raíces, a miña lingua, a sentirme orgullosa de onde veño e de quen son, a valorar a cada persoa polo que é e non polo que ten, a amar os libros, a ser loitadora, feminista, e en definitiva a ser unha muller celta.
Ás veces, cando es pequena non procesas toda a información que che están a ofrecer entre liñas. A miña avoa nunca cambiou de lingua para dirixirse a min, como facían a meirande parte das avoas das outras nenas. O primeiro agasallo que me fixo cando aprendín a ler foi unha enciclopedia infantil ilustrada, xunto con unhas palabras que me quedaron gravadas, “hoxe non parece facerche ilusión pero os libros son o agasallo máis fermoso que podes recibir, tes que aprender moito e estudar moito para traballar e ter independencia, o soldo dunha muller éche moi bonito”. E xunto coas súas palabras o legado da súa lingua. Nunca precisei estudar para colocar un pronome, nen para sentir orgullo da nosa gheada. Mais estas ensinanzas son moi simples para todo o que encerran anos de traballos, sacrificios, loita e, sobre todo de tanto ben que lle fixo á xente.Eu non era máis que unha nena pequena cando a miña avoa morreu, mais enchéronseme os ollos de bágoas de orgullo cando, ante centos de persoas se agolpaban dentro e sobre todo xa fóra da igrxa de Elviña para o seu funeral, se escoitaba unha e outra vez: “canta famiña quitou do mundo”.
E si, a miña avoa sacou adiante como unha auténtica guerreira celta a oito fillos, traballou, loitou e axudou a moitísima xente. Os tempos da postguerra foron moi difíciles, atravesaba montes con cestas de carne na cabeza esquivando consumeiros para dárlle de comer aos seus fillos máis vellos. Veu como o seu irmán tivo que andar fuxido para logo morrer. Mais nada nen ninguén puido con ela, axudou a moitísima xente, deu alimento a moitísimas familias nos tempos difíciles sen pedir nada a cambio porque os nenos tiñan que comer.
Sacou a todos os fillos adiante, criou netos... e eu, que son a última das Charelas, hoxe collo o testigo. A miña xanela, pola que agardo que me mire e que nunca teña que avergoñarse da súa neta, servirá para me comunicar con todo aquel que teña a ben ler as miñas humildes palabras, mellores ou peores, mais sempre verdadeiras e desde o fondo da miña alma. María López Teijido... In memoriam

A xanela da Charelinha