No mundo de Antón Varela Cachaza “Tonecho”

As persoas que formamos parte da Sociedade Cultural Medulio sempre levaremos no corazón a Antón Varela, o músico, o artesán, o gaiteiro de Canido. 
Con esta entidade cultural colaborou sempre de forma desinteresada, fose en homenaxes a personaxes ilustres da cultura galega, fose por outro  evento calquera no que precisásemos unha gaita para espertar os sons da terra, porque no mundo de Antón Varela vivían os referentes da cultura e  da tradición deste pais. El formaba parte da alma colectiva do noso pobo e coa súa morte prematura converteuse el mesmo nun símbolo desa colectividade que se perpetua na memoria dos pobos singulares.
Mágoa de que non poidamos desfrutar da túa madurez intelectual, mais déixasnos unha sabía lección de vida, o exemplo   de perseguir aquelo que desexamos e non traizoarnos a nos mesmos.
Creo que todos os seres vivos deixamos neste mundo  enerxías para que todos esteamos presentes no universo de forma permanente. A intensidade da túa enerxía podemos sentila en todo o que nos rodea, só temos que deixala falar con nós.
A forma en como nos relacionamos co medio que nos rodea fai de nós seres especialmente xenuínos, ao mesmo tempo que construímos formas de vivir, de estar no mundo e de relacionarnos coa comunidade na que incidimos. Antón Varela viviu esa cultura colectiva en harmonía coa súa propia individualidade e colaborou na construción dese mundo en común, sen darlle maior importancia . El era así.
Non puido vivir sen soños e trocou os soños en realidade.
Sorprendeuno a morte no momento máis pleno e doce da súa vida e non puido gañar esa batalla, pero gañaralle a vida a decisión de ser quen quixo ser, sen mirar atrás, definíndose asi mesmo.
A Sociedade Cultural Medulio ten como símbolo o monte”MEDULIO”  símbolo da resistencia da liberdade do noso pobo que prefire morrer  a ser escravo, creo que podiamos compartir este monte, onde soarían as túas gaitas que naceron nos montes gregos e viaxaron polos pobos  ata o noso  onde se atoparon  artesáns e músicos como a ti que abrazaron os seus foles con tanto amor como o pobo que cantan.
Non sei cal será o lugar, nen a forma que se escolla para que se honre a túa memoria. Dende a Sociedade Cultural Medulio colaboraremos en que sexas un exemplo de vida para todos e un referente para as xeracións vindeiras porque os pobos sen memoria non teñen futuro.
* Elia Rico Lagarón  é presidenta da Sociedade Cultural Medulio

No mundo de Antón Varela Cachaza “Tonecho”

Te puede interesar