FACENDA SOMOS TODOS?

Confésolles que a min sempre me embargou a dúbida porque esta frase e outras por un estilo quedan moi ben, pero certamente afastadas da realidade. O outro día no inicio do xuízo do caso Nóos no que está imputada a infanta Cristina, unha avogada que representa ao Estado manifestou sen rubor algún que iso de que Facenda somos todos non era máis que un slogan publicitario e quedouse tan pancha, engadindo que se o defraudado é o Estado e este non denuncia, pois non hai caso. Postos a enumerar slogans pásolles outro: Todos somos iguais ante a Lei, un slogan que, dito sexa de paso, figura na nosa Constitución o mesmo que outro que di: todo español ten dereito a unha vivenda e a un traballo digno. E o caso é que á hora de pagar a Facenda a equidade brilla pola súa ausencia, que todos somos iguais diante da Lei ven de ser unha entelequia e que todo español polo feito de selo ten dereito a unha vivenda e a un traballo digno, pois vostedes dirán que pensan ao respecto sobre este e outros parágrafos que figuran na nosa Carta Magna convertidos en propaganda publicitaria segundo conveña a que intereses. Así as cousas un non deixa de manifestar asombro diante dalgúns comportamentos relacionados con estes asuntos. Por exemplo, e referíndose ao tema da Facenda, semella que a escritura está rifada coa vellez; os vellos non deben namorarse, dicía Castelao na súa emblemática peza teatral, e agora para máis afondamento non deben escribir, e se o fan que sexa gratis porque toda remuneración que exceda da cantidade de 9.000€ ao ano non é compatible coa pensión pola que cotizaron perante toda a súa vida laboral. Ai,ai,ai!... que me estou acendendo pensando como compatibilizan salarios e pensións certos personaxes vinculados ao mundo da política e das portas xiratorias que cobran, abofé, moito máis que eses 9.000€ anuais. Deus que vergoña e que descaro! E o mesmo que lles pasa aos escritores maiores de 65 anos que cobran algunha pensión e que non poden recibir premios en metálico, royalties pola venda dos seus libros, cobrar por impartir conferencias, etc porque corren o risco de perder a pensión, lles pasará aos músicos, artista plásticos,etc, que noutrora traballaron como funcionarios, mariñeiros, empregados da banca ou doutra empresa calquera. Facenda somos case todos, porque algúns vanse de rosiñas compatibilizando soldos e pensións de máis de tres díxitos e aquí non pasa nada. Abstéñanse pois novelistas, poetas e escritores que cobran algunha pensión, de non percibir por outros conceptos máis de 9.000€ ao ano pois a perderán logo de cotizar por ela perante décadas. Escriban, fagan música, pinten cadros pero non cobren por iso se teñen algunha pensión, non vaia a ser que incorran en delito fraudulento de lesa humanidade. É tremendo arremeter contra os pensionistas escritores esgrimindo unha lei de incompatibilidades tendo en conta que, neste país a porcentaxe de escritores que viven só de escribir ( e que cotizan so por iso) é moi baixa, son moi poucos. A maioría teñen outras ocupacións. E que pasaría se a un escritor pensionista lle conceden o Planeta (600.000€); logo de pagar o 20% do premio perde as prestacións polas que cotizou 35 anos? Quédase Facenda coa súa pensión perante o resto da súa vida? Ao novo goberno saído dos posibles pactos ou dunhas próximas eleccións, quédanlle moitas cousas que arranxar e resolver. Abofé.

FACENDA SOMOS TODOS?

Te puede interesar