VÍTIMAS DO TERRORISMO

Cando ETA anunciou o abandono da súa actividade armada, é dicir do terrorismo, houbo unha petición unánime das forzas políticas á cidadanía para que non se perda a memoria. Zapatero dicía: “La nuestra será una democracia sin terrorismo, pero no una democracia sin memoria”, referíndose aos asasinatos cometidos por esa organización terrorista.

Nesa ocasión todos reivindicaban a lembranza do pasado, tamén o PP. Sen embargo, cando desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña lembramos e homenaxeamos ás vítimas do franquismo, é dicir, do peor dos terrorismos, do terrorismo de Estado; cando reivindicamos a supresión da simboloxía franquista ou defendemos a retirada de honores a persoas que foron ministros de Franco ou tiveron responsabilidades na represión durante a ditadura, o PP declara que iso é regresar ao pasado, que non interesa a ninguén e que hai que mirar ao futuro.

Semella que hai dúas baras de medir porque en moitas ocasións hai un apoio e recoñecemento social ás asociacións de vítimas de ETA, que todos compartimos, pero que non existe con aquelas asociacións que reivindican xustiza, verdade e reparación para as vítimas do terrorismo do franquismo.

O Congreso aprobaba por unanimidade en 2002 unha declaración na que “reafirma el deber de nuestra sociedad democrática de proceder al reconocimiento moral de los hombres y mujeres que fueron víctimas de la Guerra Civil, así como de cuantos padecieron la represión de la dictadura franquista. Instamos a que cualquier iniciativa promovida por las familias de los afectados que se lleve a cabo en tal sentido reciba el apoyo de las instituciones, evitando que sirva para reavivar viejas heridas o remover el rescoldo de la confrontación”.

O actual goberno municipal négase a apoiar este tipo de declaracións e outras de “condena do franquismo e das graves violacións de Dereitos Humanos cometidos até 1975”, como no Pleno da corporación municipal da Coruña de 12 de setembro de 2011. Por outra parte, Negreira negábase a recibir ás familias que solicitaron o seu apoio e presenza na inauguración do Memorial ás vítimas do franquismo.

Mentres en países de Sudamérica son xulgados os responsábeis das ditaduras, aquí o xuíz Garzón, que pretendía investigar os crimes do franquismo acaba suspendido e condenado por prevaricación, a instancias de organizacións fascistas. A Lei de Amnistía de 1977 convertiuse, na práctica, nunha “Lei de punto final”.

Lembrar hoxe o pasado é unha aposta de futuro, como recollía unha das conclusións do Congreso Internacional Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz, celebrado en Santiago en 2010: “A memoria, o recordo, o recoñecemento do pasado, é unha ferramenta do presente, en tanto que espazo crítico para valorar os dereitos humanos, e unh ferramenta de futuro, como mellor antídoto contra a violencia. Ignorar o pasado e impedir o recordo fomenta a inestabilidade social e obstaculiza a interacción pacífica no presente”.

(*) Manuel Monge foi presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña

VÍTIMAS DO TERRORISMO

Te puede interesar