Segundo a teoría do Goberno e da Xunta, para gañar competitividade e xerar emprego, cómpre baixar os salarios, aínda que agora utilizan o eufemismo de “moderalos”. Mais os datos da Enquisa Trimestral de Custes Laborais, reflicten o contrario. Nomeadamente, as nacionalidades e autonomías con salarios baixos non son as que máis emprego xeran. Os custes salariais máis altos, no 4º trimestre de 2013, eran por hora efectiva de traballo, os do País Vasco e Madrid, concretamente 25,48 e 22,58 euros/hora, respectivamente. Os menores custes dábanse en Canarias: 17,04, Estremadura: 17,30 e Galiza: 18,29 euros/hora. Polo que no noso país eran un 28,2% máis baixos que no País Vasco e un 19% menores que en Madrid.
Uns salarios máis baixos non son polo tanto sinónimo de xeración de emprego, mais si de precariedade laboral e, moi especialmente de desigualdade social.
Estes datos non son ningunha novidade, porque a igual conclusión podemos chegar se facemos unha comparación coas economías máis avanzadas da Unión Europea. O certo é que o recurso aos baixos salarios é consecuencia dos elevados lucros e de querer competir nos rubros de produción e exportación dos países menos desenvolvidos.
En realidade para gañar competitividade é fundamental, ademais de eliminar as regras de xogo que privilexian ás multinacionais (aranceis, achegas, fiscalidade especial, etc.), o investimento en anovación e tecnoloxías avanzadas e, moi especialmente, contar cunha boa rede de comercialización.
Asemade, nunha empresa, como nun país, o primeiro é contar cun proxecto de futuro que asuma a realidade de partida, con todas as súas eivas e atrancos, mais tamén que recoñeza as potencialidades e os límites. E, sobre todo débese comprender que o máis importante sempre son as persoas, e para que estean motivadas deben estar ben pagadas e mellor tratadas.
Non é esta a situación na maioría das empresas, que procuran máis a submisión do traballador ou traballadora, por medo ao desemprego e á marxinalidade, que unha contribución produto da negociación colectiva. E cada mestura dá un resultado distinto. Neste caso, moito esforzo e pouco éxito.