No trixésimo aniversario da morte de Xosemaría Pérez Parallé (o Poeta Azul de Ferrol)

Coñecino cando eu neno. Chamaba a atención co xeito de camiñar de zancada longa, polo seu corpo lanzal e un bigote fino sempre ben recortado, polos seus ollos pícaros de mirada clara que traspasaba as miradas. Polo seu ameno e culto falar, ás veces retranqueiro coma bo galego que era, e por aquela boina negra ben colocada na cabeza que o caracterizaba como se fose un personaxe de novela, ou un actor de cine ou teatro.
Unha persoa interesante que á marxe do seu saber, que era moito, gustaba da música, da festa e da troula. Mestre poeta-segrel, letrista, animador  cultural e conferenciante para ben da Nosa Terra. 
Naceu en Canido (Ferrol) o 4 de agosto de 1909, barrio moi querido por el ao que nunca olvidou e levou no seu corazón. 
Cursou estudios de Dereito, Filosofía e Letras e Maxisterio en Compostela, onde fundou a revista cultural “Abrente”. Bohemio e soñador toda a súa vida, como me ten dito en máis dunha ocasión. 
Home de profundos sentimentos humanos e relixiosos e gran observador de canto acontecia ao seu arredor, colaborando sempre en canto se lle pedía. 
Rematados seus estudios, xa en Ferrol, dedícase á ensinanza, continuando a labor literaria, especialmente a poesía que tanto amou. 
En Barallobre (Fene), xa casado toma arraigo no Casal de Sandulfe, mirando a ría e os estaleiros ASTANO, onde despois de pasar por varias vicisitudes e traballos exerce como bibliotecario, profesor e Subdirector na Escola de Aprendices. 
Autor de varios libros de Poesía: “Mariñanas”, Non falarei, non“, “Cartafol da Saudade”, “Chanteiro” e “Dorna romeira”.
Tamén de varias obras curtas de Teatro, que tamén dirixiu. O grupo de Teatro de C.M.I. Unidade e Fene leva o seu nome e dende o ano 1988 esta mesma sociedade crea o Certame Nacional Premio de Poesía Pérez Parallé, que tiven o honor de ganar en dúas ocasións. (Perdóenme esta fachenda).
No 1995 Edicios  do Castro recorda ao maestro editando o libro “Poemas, Cantigas”, nomeándoo como segrel, designación coa que el se identificaba, aínda que sen dúbida, foi un importante poeta que agardo non sexa esquecido pola mocidade actual, mais iso xa depende de nós, daquelas persoas que o coñecimos, admiramos e quixemos. 
“Poemas, Cantigas “ é un interesante libro con lembranzas e homenaxes –que debera ser reeditado– de amigos destacados: Méndez Ferrin, Filgueira Valverde, Leyra Domínguez, Emilio Marín,  Abuín de Tembra, Ricardo Martelo, Siro e Xaquín Marín, quen di de Parallé que, “era un poeta que vivía entre nós, de carne e oso, un poeta que non era de pedra, senón de verdade. Cos pés no chan, recoñecido polo pobo sen necesidade doutros certificados”.
Coincidindo co centenario do seu nacemento o Obradoiro Literario de Fene na revista “As voces da casa” (6) dedícanlle fermosos poemas e outros interesantes traballos: O Obradoiro Literario non podía permanecer alleo, (din). Parallé é unha figura que significa para todos un exemplo de compromiso coa literatura e coa lingua, co noso, coa súa difusión, co seu coidado e mimo. (Eduardo Estévez).
Tamén polo vixésimo aniversario do seu falecemento entre os días 5 e 8 de novembro do 2007, na A.C.D.R. Liga de Amigos de Barallobre, organizado por esta entidade o I.E.S. de Fene, a Facultade de Humanidades de Ferrol e a Universidade de A Coruña, celebrouse un Congreso Universitario para lembrar a súa figura, na que interviron importantes oradores, entre outros e sen menosprezar a ninguen, Xesús Alonso Montero e X.L. Méndez Ferrín, e cuxas actas, intervencións e fotografías foron recollidas nun libro con edición a cargo de Alexandre Ripoll. 
Coincidindo co vintecinco cabodano na Asociación Saudade e no Centro Galego de Barcelona celebraron se diversos actos recordatorios incluso gravando unha casete con título “Dende a ría á Capelada” con poemas do Poeta Azul de Ferrol,  música e voz do cantautor galego Alfredo González Vilela. 
Estes actos foron programados polo seu exalumno e amigo Xesús Fraga, aos que se sumaron concellos, entidades e particulares da comarca ferrolá e de barcelonesa. Na revista “Alborada” (2012) o profesor e querido amigo Guillermo Llorca informa das celebracións no Centro Galego. Recordémolo sen bágoas. A don XoséMaría, que foi home alegre e de sorriso fácil, non lle gustaría. 

Non falarei, non / irmán, / dos Irmandiños, / do chan esnaquizado, / dos fidalgos traidores / i-o pobo escravizado

No trixésimo aniversario da morte de Xosemaría Pérez Parallé (o Poeta Azul de Ferrol)

Te puede interesar