O ABSURDO DE RECENTRALIZAR

Arealidade territorial e poboacional galega é diferente á castelá, andaluza ou levantina, porque temos máis do 50% dos núcleos de poboación do Estado con só o 6% do seu censo. Velaí que as leis que se facían dende Madrid no nivel territorial descoñecían fondamente a nosa realidade e facían máis prexuizo ca beneficio.

A Lei de Costas do 1988 impuxo condicións moi duras de restrición de usos nos primeiros cen metros de territorio dende a costa, agás estiveran xa consolidados como núcleos urbanos. A solución non servía para salvar determinados núcleos rurais tradicionais galegos consolidados nas nosas Rías Baixas. Velaí que na Lei do Solo do 2002 e na Lei de Vivenda do 2009 o Parlamento galego, por unanimidade, ampliou a solución da lei estatal para salvar estes núcleos tradicionais, onde moran centos, senón milleiros, de persoas. Pois ben, o Tribunal Constitucional ven de anular esta norma galega por suposta inconstitucionalidade. Outravolta deixa na ilegalidade a estas persoas que mañá poden ser desaloxadas das súas casas.

Recentemente sofrimos outra das inxustizas da mentalidade recentralizadora na supresión da gratuidade do transporte sanitario non urxente, que afecta, por exemplo, aos enfermos crónicos que precisan diálise. Semella que a norma española cre que todos os doentes viven en cidades e núcleos comunicados por tren, metro ou de bus. Velaí o gravísimo prexuizo para os doentes que viven no noso rural.

A última ocorrencia recentralizadora é a de potenciar as Deputacións para que lle sirvan de contrapoder aos Gobernos autonómicos. Semella que Rajoy aposta polas provincias e que as autonomías sexan meras Mancomunidades de Deputacións. De se confirmar, sería o peor sistema canto ao aforro e duplicidades, máis tamén para garantir a cohesión social e reactivación económica na nosa Galicia.

 

A arrancadeira > O Goberno do Estado conta, si, coa información das Policías españolas e da Europol para verificar o mantemento da capacidade militar de ETA. Mais os verificadores internacionais que agora rexeita poderían garantirlle a realidade da disolución organizativa e neutralización operativa da ETA en poucos meses. Semella, cando menos, pouco intelixente ignorar a competencia profesional e bó facer destas persoas, afeitas a resolver conflitos.

O ABSURDO DE RECENTRALIZAR

Te puede interesar