De listas e bandos

Hai males maiores que a ignorancia. Hai cousas que resultan moi perigosas, como descoñecer, desinteresarse ou mirar para outro lado cando ves chegar discursos que chirrían e non encaixan. Hai anuncios que son verdadeiras ameazas para a convivencia. 
Pero moitas veces, cando caemos na conta e recoñecemos a música, xa é demasiado tarde. Son posturas que directamente atacan ao cerne da nosa liberdade individual de ser ou de pensar, ou de seguir libremente á ideoloxía que sexa. 
Un deputado de Vox no Parlamento andaluz acaba de solicitar a relación, con nomes e apelidos e número de colexiado, de todos os traballadores sociais, psicólogos e médicos forenses das unidades de valoración integral de Violencia de Xénero, dende o ano 2012. 
Este home, Alejandro Hernández, afirma literalmente que os xuíces ditan sentenzas en base a informes de profesionais non cualificados e altamente ideoloxizados e que deles depende a liberdade dun acusado e o futuro dos fillos. 
Primeiro poñen en cuestión o sistema. Lanzan un órdago ás Institucións e collen o rábano da lexislación e a xurisprudencia, polas follas que mellor lles conveñan. Como consecuencia directa, empezan a facer listas de bos e de malos. A outorgar carnés e insignias de diferentes cores, segundo sexan ou non dos nosos. 
E a sementar sospeitas contaminadas e manipuladas, sobre a defensa dun sector tan vulnerable e fráxil coma o das mulleres vítimas da violencia de xénero. Para maior esperpento, resulta absolutamente indecente que este personaxe sexa xuíz en excedencia. Ideoloxizado, obviamente. Semella que el pode. Os demais non.
Habito paisaxes de incertezas, audacias efémeras e praias amplas e longas coma ausencias –dixo El– e sorrimos xuntos mentres circula o outono... Insaciables, rescatamos afectos das tramas melancólicas destas tardes de choiva...

 

De listas e bandos

Te puede interesar