Esta semana toca parón nas ligas de fútbol por mor dos partidos de cualificación para o mundial do próximo ano, a celebrar en Rusia. Como sempre que hai partidos de seleccións a prensa deportiva e as páxinas de deportes dos diarios de información xeral centran a súa atención neles. Aínda que do fútbol o tema das seleccións é o que menos me interesa, hai dous ou tres días púxenme a mirar como ía a clasificación dos diferentes grupos. E reparei en que no I ocupa o sexto e último lugar a selección de Kosovo. E, dado que andamos a voltas co tema catalán, pensei que acontecería se nun futuro sorteo lle tocase a España ter como rival a selección dun estado que non ten recoñecido? E se lle tocase con Xibraltar, que tamén ocupa o último lugar do grupo H? Xogaría como se tal cousa? Asistirían ao palco, como a calquera outro partido, as máximas autoridades políticas do país? Coa lóxica do goberno do PP non deberían xogar. Se temos en conta o alto valor patriótico-político-sentimental que lle dan ás seleccións deportivas como estas se poden enfrontar ás dun país que para eles oficialmente non existe? Se non existe o país como van existir seleccións?