Vaia, vaia que mentira Carmen Calvo

Carmen Calvo falou fai uns días de que o PSOE se abría a falar coas forzas nacionalistas dentro do título VIII da Constitución e de que ningunha democracia do mundo recoñecía o dereito á autodeterminación e a independencia, dixo iso sen mencionar a palabra nación ou nacionalidade. Para falar dentro de ese marco non fai falla Carmen Calvo. Vaia, vaia que mentira Calvo no relativo ao dereito de independencia e autodeterminación. Xusto aquí ao lado en Portugal a súa Constitución recoñece o dereito a independencia e autodeterminación dos pobos, tamén en Escocia, ou en Canada. Dende a vicepresidencia dun goberno non se pode ser tan parcial e tan pouco rigoroso. Hoxe moitos políticos están instalados no inmediato da mensaxe, este é un dos males da nosa democracia. 

Ben é certo que para min este tampouco é o camiño, enténdase que o dereito á consulta sempre ten que estar garantido, mais temos que traballar nun novo camiño máis acorde cos tempos e coas realidades da configuración mundial e dos bloques da política. A pregunta é, se queremos unha nación independente illada do mundo ou un estatus quo que recolla mellor a realidade dos pobos. Coido que niso o PNV ten máis claro o camiño, e chamase bilateralidade. A solución para o recoñecemento de Galicia, Euskadi e mesmo Catalunya pode ser unha figura que regule unha relación con España de bilateralidade e pertenza, unha especie de Estado Libre Asociado que xere sinerxías e remate a configuración territorial do Estado. Non faría falta nin reformar a Constitución mais si un amplo consenso.

Non se asusten os máis conservadores e nacionalistas españois, esta fórmula está moi ensaiada e incluso funcionando xa en Europa sen tanto problema, sen ir máis lonxe o feudo conservador do PP Europeo que constitúe Baviera e un Estado Libre dentro de Alemaña, así recollido na Constitución. O motor económico de Alemaña e goza de ese recoñecemento que pode ser a solución ao debate da configuración do Reino de España. En Baviera os seus habitantes teñen claro que son bávaros, mais tamén teñen cabida os que se senten alemáns e por suposto teñen un gran sentimento europeo, posiblemente porque o Alemaña respecte este sentimento e non busque confrontar para gañar votos noutros land. No canto de posicións dogmáticas e unha constitución tan rexa, cómpre traballar na política da relación bilateral, seguir apostando pola descentralización e a relación federal nunha Europa confederal.

Vaia, vaia que mentira Carmen Calvo

Te puede interesar