OS LISTOS ELECTORAIS

|

Non é nada novo que os partidos teñan problemas á hora de confeccionar as listaxes electorais, sobre todo no que se chaman postos de saída que aseguran a presenza do entusiasta servidor público nun escano. As emboscadas, puñaladas, disparos a traizón e insidias forman parte do proceso de elaboración do cocido. Todos queren entrar e non verse abocados a pasar polas oficinas do paro despois de catro ou máis anos de actividade parlamentaria de dubidoso rendemento.

Aínda que queda ben de cara a dar boa impresión ao corpo electoral e encher titulares de prensa, o certo é que a redución do número de deputados nos parlamentos só producirá un engrosamento das listaxes do paro. Hai que recoñecer que moitas das súas señorías carecen de oficio e beneficio para enfrontarse á vida diaria e os máis deles non coñeceron outra vida laboral que a servidume partidista de facer carreira a conta do erario para que cos anos lle recoñecesen o seu labor, se foi bo, cun asento nun consello de administración ou nun ente público coa escusa de aproveitar a súa experiencia, como é habitual dicir.

O territorio galaico foi moi dado a acoller nas súas diferentes circunscricións ao longo da súa historia electoral a figura do deputado cuneiro, aquel individuo que era colocado polo seu partido nun distrito electoral co cal non tiña vínculo ningún e só sabía da súa existencia polo mapas. Socialistas e nacionalistas están botando man deste recurso para dar acomodo aos seus fieis que non teñen garantido o seu escano no caso de figurar na papeleta da súa provincia oficial. Outro indicio de como anda a oposición de perdida.

Algo ten bo esta crise económica para os cidadáns, aínda que non para os deputados, e non é outra felicidade que os membros do partido do Goberno non encontrarán acougo nun posto na administración, polo menos que se saiba de momento, aínda que haberá que estar atentos. Aos do bipartito colleunos por sorpresa e non lles deu tempo a colocarse. Feijóo metería a pata se por un lado anuncia o adelgazamento da burocracia galaica e, polo outro, dá cabida nos escritorios de San Caetano a aqueles que non encontraron acomodo político.

Hai que agardar a novembro, cando o INE publique o número de parados para comprobar se se incrementou o desemprego en Galicia no epígrafe de persoas de dubidosa ocupación. Hai que estar preparados e ir pensado en que esta xente que deixe a política poida reintegrase á vida social sen sufrir ningún trauma nin sentirse como marxinados e excluídos. Unhas sesións de terapia posparlementaria ou uns cursos de iniciación á realidade non lles virían mal ou que as universidades galaicas estuden a síndrome do político ocioso e os acomoden como presidentes dunha asociación de veciños. Preparemos que virán moitos listos electorais.

OS LISTOS ELECTORAIS