PÚBLICO SEMPRE

|

Teño falado moitas veces dunha anecdótica saída de meu fillo máis vello de cando, hai case trinta anos, fomos vivir á Coruña. O cativo tiña seis anos, residía en zona tirando a “pija” (rúa con nome de ferrolán, por certo, Juan Flórez) e quería levar unha vida mellor aínda da que gozaba. O pai –quen isto conta– era daquela profesor titular da Universidade e a mai médica pediatra da seguridade social: xente, en principio, con traballo estable e con salarios medio-altos. Digamos que para non pasar ningún apuro.
Mais ó neno –que vería por alí?– aquilo debíalle parecer pouco e un bo día suxeriulle á mai que montase unha consulta privada para que puidésemos vivir mellor. Curiosamente, a min, que gañaba un chisquiño máis, non me comentou nada de complementar o salario. Debía en mente, con certeza, que a docencia era menos rendible que a medicina. Chámalle parvo! É verdade que daquela, mediados os oitenta, anos de certa bonanza, os médicos con consultas privadas tiraban boas talladas. Mais a proposta do pícaro bateu en rocha dura. A pediatra era férrea defensora so sistema sanitario público e nel (e por el) era onde quería traballar en exclusiva. Afortunadamente, o neno non tivo que pasar penalidade ningunha.
Daquela a hoxe no terreo sanitario aconteceron moitas cousas. A inmensa maioría moi negativas e pouco coñecidas polos que somos usuarios do sistema. Baixaron os salarios do persoal. Incrementouse o número de pacientes. Suprimíronse as substitucións por baixas ou vacacións. E un lote de despropósitos máis. Non obstante, o persoal sanitario non foi quen de saír á rúa ata hai ben pouco. E aínda así diría que apareceu nun pequeno número. Mais pegou un toque de atención. O rechamante é que o pobo non respondese na medida que tiña que facelo.
O martes cando baixaba á manifestación que ía partir da praza de España estaba a estrada de Castela chea de persoas maiores de paseo. E eu –creo que con lóxica xenreira– a cada paso me preguntaba onde imos parar se temos que agardar por ese persoal.
Se cadra non reaccionan nin cando lles retiren a pensión. Porque repagan os medicamentos, desprázanse á súa costa a facer diversos tratamentos... e, en troques de protestar pacificamente, pasean. Aprendéronnos a ser inconscientes. E sómolo. E máis que nos van aprender con isto da LOMCE.
É evidente que un asunto da envergadura do naval mova moito persoal. Xóganse moitas cousas á vez. Pero na sanidade o que nos xogamos é a saúde de todos, non moitos postos de traballo nin recortes sociais e/ou salariais. E, sorpresivamente, hai menos xente nas manifestacións.
Que sucede? A xente do naval é tan forte que nunca enferma? Temos que concienciarnos de que ás caladas nos están furtando o que tanto traballo custou construír. As últimas declaracións da conselleira de sanidade son para ler tanto en voz alta como entre liñas.
Levan tanto tempo mentíndonos que o que declara a señora Mosquera cheira a non ser verdade.

 

PÚBLICO SEMPRE