Ferrol, fóra de seu; velaquí o desleixo cultural

Arestora, nunha cidade como Ferrol, recreada como vila da Coroa no século XVIII e deixada da man do Estado a finais do século XX, cumpre facer de novo unha reflexión sobre a perda do seu patrimonio cultural, ese Ferrol fóra de Ferrol, tanto pola carencia dun Museo da Cidade como polo desinterese dos ferroláns para defender de seu a Terra e Mar de Ferrol. 
Abofé que son moitos os vergoñentos exemplos do patrimonio cultural fóra da cidade: desde o tesouro castrexo de Bedoya, atopado na Graña e hoxe gardado no Museo de Pontevedra, ata os restos artísticos do convento de Montefaro, actualmente no museo Arqueolóxico da Coruña. Por mor da picaraña material e mental desapareceron dous edificios clasicistas da Ilustración: o vello edificio do Concello, no paseo das Delicias, e o vello casarón dos Caamaño, na rúa Dolores, namentres perdeuse o Pazo da Mercede, ergueito en Ferrol Vello, cuxa capela foi levada pedra a pedra fóra de Ferrol.
 Verbo dos legados de sobranceiros ferroláns fóra de Ferrol, cumpre citalos tristeiros casos dos escritores Carballo Calero e Torrente Ballester, cadanseu cos seus fondos documentais e bibliográficos gardados en Santiago. O mesmo cabe dicir do prestixioso naturalista Víctor López Seoane, cos seus importantes fondos no Museo das Ciencias da Coruña, ou da bióloga Ángeles Alvariño, ilustre investigadora oceanográfica, falecida en California o ano 2005.
 Secomasí temos o caso do veleiro Galatea, buque escola da Armada, onde deixaron a súa pegada moitos mozos ferroláns. O ano 1993 viaxou a Glasgow, onde se conserva como museo flotante no río Clyde. Entrementres temos convertidos en chatarra os impresionantes canóns Vickers, emprazados o ano 1927 no monte Campelo e nos cabos Prior e Prioriño, na vez de conservalos como recurso turístico nuns lugares de excepcionais vistas atlánticas. 
 Ben deita que desta rolda temos que felicitarmos o que semella a volta a Ferrol dunha revista como FerrolAnálisis, cunha nova orientación na que, facendo honor ao seu nome, trata de temas referentes a nosa cidade, coa presenza de escritores de Ferrol, mesmo dos exiliados da nosa urbe. Xa que logo unha boa noticia para unha cidade que carece dunha auténtica revista de estudos locais.  
 En troques segue a desidia municipal é a demostrada incapacidade para crear un Museo da Cidade, que puidera mostrala obra espallada de Pérez Villamil, Sotomayor, Eduardo de la Vega, Agustín Robles, Bello Piñeiro, Máximo Ramos, Vicente Díaz ou Segura Torrella. Ainda máis, o arrepiante caso do Cristo errante da Tahona, sobranceira escultura medieval, que non atopa o visible acubillo que lle cumpre. A maiores, a prensa anuncia a doazón dunha serie de obras de arte relixioso do pintor González Collado á Diocese de Mondoñedo Ferrol; aínda que algunha delas permaneza nalgunha igrexa da cidade, ao cabo estamos ante un novo episodio de Ferrol fóra de Ferrol.
 Madia leva que o pasado venres 11 de Febreiro cúmprese un ano de que dezaseis entidades e asociacións culturais de Ferrol, as máis sobranceiras da cidade menos unha, presentaron por rexistro municipal a petición firmada de creación dun Museo da Cidade, petición dirixida ao Alcalde Suárez con copia ao Concelleiro Basterrechea e á Concelleira Méndez. Seica que, facendo alarde dunha vergoñenta falta de clase, ningún dos devanditos políticos tivo a dignidade de contestar a esa petición. 
 Endebén, recentemente chegado de Portugal leo na prensa local o anuncio de que a Universidade ferrolá volveu á Ferrol, deixando o Cercano Oriente, para celebrar unha presunta “Xornada sobre o patrimonio museístico da cidade”. Porén, teño miñas dúbidas se realmente celebrouse esta Xornada, posto que ao seguinte día os medios de comunicación non publicaron a máis mínima liña sobre as intervencións dos distinguidos contertulios, incluíndo a Concelleira do ramo. 
 Outrosí e para rematar, hai que lembrar que o próximo 24 de Febreiro se cumpren dezaseis (16) anos da petición de Patrimonio da Humanidade para o conxunto do Arsenal e Fortificacións defensivas da ría de Ferrol. Manda truco a desfeita de cinco diferentes corporacións municipais, que non souberon ou non quixeron levar adiante este proxecto malia que se gastaron moitos centos de miles de euros dos contribuíntes.
jjburgoa@hotmail.com

Ferrol, fóra de seu; velaquí o desleixo cultural

Te puede interesar