Simón García

A semana pasada tiven o pracer de acudir a un acto homenaxe que o Concello de Mugardos outorgaba ó músico Simón García. A algúns pódenlle sorprender que se lle faga un recoñecemento público a un músico novo cuxa actividade céntrase nun instrumento que ata hai pouco tempo era considerado de segunda fila, incluso para os que estaban introducidos no apaixonante mundo da música, pero en Simón García concorren dúas circunstancias: a de ser un excelente intérprete e a de abordar con constatada solvencia unha labor compositiva chea de orixinalidade que lle está a dar sona polo mundo adiante.  Simón García sitúase pois entre os compositores que ven no contrabaixo un instrumento con vida propia tal e como fixera Domenico Dragonetti (1763-1846) considerado como o primeiro virtuoso que escribiu obras específicas para el. Así que dignificar, elevar un instrumento , que outrora servía so para reforzar o discurso cromático do chelo, a materia de primeira categoría e poñelo á altura dos outros da familia da corda, resulta unha labor que está reservada a pouca xente. Simón xa forma parte por dereito propio dese grupo, e xa que logo agora entenderán o por que da homenaxe. Simón García acompañoume nalgunha incursión musical cando era un rapaz que comezaba a espertar ó mundo do baixo eléctrico, pero maila ser moi novo xa amosaba unha capacidade intuitiva nada común para xente da súa idade. Logo vino acompañando a outra xente e pasado o tempo nun cartel en Salamanca que anunciaba un concerto para cuarteto de contrabaixos no que figuraba el. O concerto xa tivera lugar e sentín non estar no evento, pero aí estaba o contrabaixista mugardés dando os seus primeiros pasos que o levarían a ser un interprete e compositor coñecido e respectado fora da nosa raia.  Lembro cando de rapaces coñecíamos o contrabaixo polo nome de “violón” (semellaba un violín enorme) e tocábase percutindo cos dedos sobre as cordas, técnica coñecida como “pizzicato”. A un neno coma min chamábame a atención cando aparecía algún nalgunha orquestra que viña a amenizar a festa do patrón..  Pero entón non sabíamos que o contrabaixo tocábase tamén con arco nas grandes orquestras sinfónicas e en grupos de cámara, e hoxe, como non, en formacións compostas so de contrabaixos.  O jazz tamén doulle ó contrabaixo un papel determinante, de instrumento solista como é o piano, a guitarra ou o saxo. Xa ven pois co contrabaixo e peza fundamental nisto da música. Eu son dos que pensa que este instrumento ven a ser a columna vertebral na que se sustenta unha obra musical con ese son grave de corda “frotada” que configura unha cama na que repousa o resto da orquestración. En fin, entusiasmeime falando do instrumento pero quero volver ó interprete, a Simón García, cuxas mans no hastil e na cordame, con pizzicatos ou arco, danlle ó instrumento vida e linguaxe propio. Simón aínda é novo pero nel xa agromou un talento creativo que o está a levar polo mundo adiante. Ser virtuoso pódese conseguir con moitas horas de estudo e con moita perseveranza, pero a inspiración, o talento... iso xa é outra historia. Algunhas obras de Simón forman parte do repertorio de consumados interpretes que lle solicitan novas achegas.  É estupendo que un pobo recoñeza e honre ós seus fillos que sobresaen, que destacan nas súas actividades. Simón dixo na súa intervención : “hoxe é posible proxectarse ó mundo dende unha pequena vila como a nosa”.  Oxalá os tempos sexan propicios para el de aquí en adiante:  un excelente músico e mellor persoa.

Simón García

Te puede interesar