Nova reconversión industrial

O anuncio do peche de Poligal en Narón, que deixaría na rúa a 108 traballadores e traballadoras, é unha mala nova para Ferrol-terra, unha bisbarra golpeada duramente pola reconversión naval e agrícola-gandeira, da que aínda non se recuperou. Agora ben, tampouco se pode obviar que esta perda de emprego industrial sumase ao posíbel peche de Alcoa (se non se consigue comprador), a da térmica de Meirama. Ao que hai que engadir o ERE de Maderas Iglesias no Porriño, a gravisima situación do estaleiro Vulcano en Vigo, e de Ferro-atlántica en Cee e Sabon. Neste último caso, tanto polo ERTE, como polo cese pola pretensión de vender as centrais eléctricas. 

Todas as anteriores son empresas cun gran valor engadido, e dinamizadoras da comarca na que están situadas. Son tantos os peches e “regulacións”, para unha economía como a galega, e danse nun período de tempo tan curto, e nunha situación na que a creación de novas empresas e investimento é tan baixo, que marcan un escenario para o futuro preocupante, malia que a Xunta de Galiza (en mans do PP) pretenda vender optimismo e unha xestión eficaz que choca coa realidade. Ao analizar a situación non se pode obviar os despedimentos no sector de telemárqueting, o peche de pequenos comercios incapaces de competir coas grandes áreas e coa venda por Internet, e unha crise agraria que non dá pasado. 

De pouco vale que PSA fale da creación de catro mil novos empregos até o ano 2021, seguramente para xustificar as importantes subvencións da Xunta de Galiza, se o que en teoría se vai gañar por un lado se perde en maior contía noutras actividades. Asemade, hai que ver como se concretan as predicións optimistas, máxime cando se están a robotizar moitas funcións no automóbel en prexuízo do emprego. 

En resumo, a actividade primaria, agrícola, pesqueira, forestal, mineira e na industria de transformación son esenciais para a economía galega, e non poden ser substituídas polo turismo e outros servizos temporais. Para este obxectivo é esencial un plano de desenvolvemento integral, que potencie a diversidade produtiva, sostíbel e autocentrada, e espallada racionalmente polo país. 

A Xunta optou por apoiar en exclusiva á iniciativa das corporacións, dependendo do sector que dá a Galiza un papel subalterno na cadea de valor, por máis que nesta conxuntura implique emprego, actividade e exportacións. A súa relación co territorio é moi débil e dependente, e polo tanto circunstancial. Cómpre evitar estes peches e regulacións. Hai ou non un Goberno galego?

Nova reconversión industrial

Te puede interesar