SEN PERDÓN

Clint, ante a visión do cadáver do seu camarada exposto na parede anterior do salón do pobo para exemplo xeral, penetra no interior e escopeta recortada na man pregunta polo propietario do local. O sheriff do lugar, auténtico responsable do asesinato, faille notar que o taberneiro non ten pistola. O tipo duro responde que se tiña a intención de decorar o establecemento co corpo do seu amigo debería armarse, logo descarga unha das balas do seu dobre canón sobre o infortunado.

Ultimamente doulle voltas a esta escena de “Sen perdón”, o actual intre lémbrame a situación. Todos os gobernos-camareiros dos distintos Estados, nacións, comunidades, concellos… embadurnan os seus muros cos restos que as accións do comisario-mercado xeran e berran ao pobo que están desarmados, que non podían facer outra cousa para cumprir coas esixencias. Mais amigos, aquí xa non é desculpa, un debe de pensar moi ben se é o momento de traballar de maiordomo do sistema e se decide exercer a función máis vale que se saiba que a factura vai chegar.

É posible que eu sexa unha persoa comprensiva, mais o que non me apetece nada é andar pedindo un perdón que ademais non teremos. Axustemos as nosas accións, non é o intre de ser os menos malos, agora hai que ser bos, todo o demais terá castigo. Por certo, o sheriff da película tamén recibe o seu… “Non merezo morrer desta maneira”, comenta desencantado.

SEN PERDÓN

Te puede interesar