A FUSIÓN DE CONCELLOS

Acaracterística principal do traballo político de Núñez Feijóo é o grande uso, moi oportunista e demagóxico, que fixo e fai dos medios de comunicación. Máis que como xestor ou máis que polas súas realizacións, que son cuase inexistentes, pasará á historia como un político apenas con actividades mediáticas. E como o presidente que máis contribuiu a destruír os sinais de identidade galegos, aquel que non desenvolveu un só proxecto de desenvolvemento económico da Galiza e o que acabou co fraco Estado de benestar que había. Cando abandone o cargo, posibelmente por un posto en Madrid, ficará un legado nesta terra que, sendo obxectivo, non será precisamente para se sentir orgulloso del.

Só baixo unha óptica de política mediática, cabe cualificar a súa proposta para a fusión dos concellos de Oza dos Ríos e de Cesuras. Feijóo xa nos ten costumados a sonoras aparicións, falando de austeridade e outras gaitas, cando en realidade ten un programa planificado de privatizacións en beneficio das empresas clientelares do PP, que non fai outra cousa que incrementar a dívida pública. Fala da necesidade de fusión de concellos, cando non fixo nada para a desaparición das deputacións.

Con certeza, a estrutura municipal precisa unha reforma en profundidade, mais o que resulta moi dubidoso é que o PP a vaia facer, tal como é a política que á que está afeito. E menos aínda, que a faga para mellorar a vida comunitaria, a democracia e as condicións de vida nos concellos. Por iso, entendo á perfección aos veciños dos concellos afectados que manifestan os seus temores, e mesmo protestas, perante as súas declaracións. Nun tema tan transcendental como pode ser o da fusión dos concellos, co Núñez Feijóo das tesouras, o racional é teren medo.

A redución do número de concellos existentes debe ser realizada canto antes, con criterios racionais e non só para a diminución do gasto público. O obxectivo tería que ser a mellora da democracia municipal e a participación das comunidades veciñais que o compoñan. Tampouco chegaría coa criación de simples mancomunidades. Hai que ir cara á recuperación das formas antigas e participativas dos concellos abertos e da política comunitaria parroquial.

Se coa fusión de concellos se reduce o número de traballadores públicos municipais en actividades esenciais, se eliminan e privatizan servizos e se centraliza aínda máis a vida municipal en determinando núcleos de poboación, deixando marxinados e abandonados outros nos que se desenvolvían, sen mellorar a democracia e a participación, levaríase unha verdadeira contrarreforma municipal, pois empioraría a deficiente situación actual.

Os veciños e veciñas dos concellos ameazados con este tipo de fusións deberían estar atentos e pór para que se produzan como condicións imprescindíbeis que non se abandone ningún dos núcleos con vida política e administrativa que xa existían e que se recupere o sistema democrático parroquial. E senón, o conveniente sería a oposición.

A FUSIÓN DE CONCELLOS

Te puede interesar