YUMBINA

Sendo eu aínda un cativo, enguedellado nunha adolescencia nin máis nin menos revolta que a dos meus conxéneres, rulara por Ferrol unha lenda urbana. Non outra que a “violación” dun inocente, dun inocente xa maior, en Chamorro, a cargo de dúas británicas. Como ven extranxeiras tiñan que ser, nos anos da exaltación patriótica, as autoras da falcatruada.

Á parte de que, por suposto, as nacionais non fixesen esas cousas estaba o feito de que non dispoñían dun vehículo “ad hoc” para portar ao miñaxoia camiño do seu calvario. Que o fora, si, por máis que había quen ría a gargalladas pedindo semellante sacrificio para o seu corpo, pois quedara baldadiño. Tanto que o tiveran que levar, en pirinxolas, unha vez que as turistas liscasen a fume de carozo, ao sanatorio de San Javier.

E é que o home despois de moi numerosas prestacións, as británicas andaban ben ceibas, desmentindo a pouca fogosidade que se lles atribúe, rematara baldadiño. A “vox populi” contaba que as fillas de Albión obrigaran ao parviño a beber unha beberaxe que levaba Yumbina, afrodisíaco para vacas. Aínda que había quen, con faciana e acenos de autoridade, sostiña que o que tomara foran unhas “pastillas calentonas”. Non sei. O certo é que a historia dera moito xogo nos patios do instituto. Onde íamos doutorarnos en xazmíns e rosas bravas. Si.

YUMBINA

Te puede interesar