Lingua proletaria

Lingua proletaria do meu pobo eu fáloa porque si, porque me gusta, porque me peta e quero e dáme a gana”.
Pido desculpas polo plaxio das verbas de Celso Emilio Ferreiro, o poeta de Celanova no seu poema “Deitado fronte ao mar” pero identifícome tanto con elas que teño que recorrer a el con certa frecuencia. Explícome:
Por mor dos meus apuntes neste Diario de Ferrol recibo ás veces parabéns por algún, “mais ou menos axeitado”. O meu e pura afección, un pasatempo sen máis intención que entreterme e expresar a miña opinión sobre certos aspectos e noticias de actualidade. Iso cando non falo dos rios que pasaron pola miña vida que é o meu tema sobranceiro.
Procuro facelo sempre dende o respecto que me merece a xente, así en xeral, sen distincións de clases, de categorías ou doutras andrómenas nas que aos meus anos xa non creo moito. Escribo, sen pretensións de ningún tipo, para a xente ben intencionada, sen dobreces, para xente con corazón. Non o fago para os ... “féridos e duros, imbéciles e escuros”... dos que fala o noso himno galego.
Ven isto a conto porque a miúdo teño que aturar certo menosprezo nos comentarios sobre os meus apuntes feitos normalmente por eses que alguén definiu como patriotas de folla de lata que ven roxos ata debaixo das pedras Reminiscencias doutros tempos, aínda que o delito sexa algo tan inocente e sinxelo como escribir na doce fala da insigne Rosalía.
Eu estudei en castelán, no instituto Concepción Arenal do Ferrol dos anos 50, falo acotío nesta lingua, patria común de moitos millóns de persoas, pero escribo en galego porque me sae de moi fondo de xeito espontáneo, porque o herdei dos meus devanceiros, porque é fermoso, porque é a lingua de Pondal, de Rosalía, de Cunqueiro, de Curros, de Díaz Castro e de tantos outros que lle deron e dan esplendor e brillo e, como derradeira razón porque ...me peta e quero e dáme a gaña....
Un paso adiante e outro atrás Galiza
e a tea dos teus sonos non se move...
Non me digan que non é fermoso.

Lingua proletaria

Te puede interesar