Lume na costa ártabra

mentres isto escrevo o fume avanza desde o val de Esmelle e Covas e ameaza asolar Mandiá e Pazos onde fica o reducto da Fraga do Menáncaro, tan cobizada por especuladores urbanísticos e eucalìticos. Nas noites pasadas arderon os camiños da Costa Ártabra, formosa paisaxe que percorre a penedía de Ferrol e Narón. Desde o cabo Prior a Campelo as cinzas traerán o lembro do chapapote do Prestige e nos lembrarán que apenas somos unha colonia. Non se escoita nen se ve nengún helicóptero. Estarán a apagar os milleiros de focos que o malvado sol e as cabichas dos despistados provocaron. Pois que hà décadas que, desde a opinión pública e os políticos e doutos ao seu servizo, se dan estes como axioma causante dos lumes xunto á praga dos pirómanos tolos e/ou parvos que lles deu polo chisqueiro como lles podía dar por plantar nabos, disque. 
Após muitas sesudas e custosas investigacións, a Xunta veu corroborar que os montes se queiman por descoidos, calor ou tolemia. Así que a política forestal devería ir encamiñada a cursiños intensivos de concentración, chuvia e terapias de saúde mental. Iso sería mais coherente que tirar os cartos en medios aéreos e terrestres de extinción.
É curioso que antes do Icona e dos monocultivos de piñeiros e eucalitos arderan as cidades mais non os montes e agora ocorra ás avesas.
Terá algo a ver cos incendios a planificación dese chamado Progreso que botou o traballo tradicional do agro e crebou a comunidade rural en perfecta simbiose coa natureza?. Terá algo a ver cos incendios que o Estado se apropiara do comunal e siga a esmagar a resistencia dos defensores do monte en man común con nova lexislación aínda máis gravosa? Terá algo a ver co lume que haxa tres celulosas instaladas no noroeste da Península Ibérica? Terá algo a ver a prórroga de Rajoy a Ence. Terá algo a ver que na Galiza xa non haxa máis frondosas case ca estas gadañas da morte, e que cando se censan os eucalitos enchan e encubran a falla de bosco autóctono? Terá algo a ver que ardan os poucos reductos de ecosistemas a protexer como estes días Ancares co lume ás portas do mellor faiedo da Galiza, A Pintinidoira? Outrora foron as serras da Lastra, do Suído... o sagro monte Pindo ou a alfaia senlleira das fragas do Eume?
Fun visitar as fontes da Galiza, na belida serra de Meira, o Pedregal de Irimia, onde o pai Miño é apenas un naipelo a susurrar seu primeiro berro de vida. Alí, nace o río da nosa bandeira nun terreo privado, inzado de eucalitos nitens, esa variedade creada para espallar o monocultivo celulósico polas serras onde a friaxe mata ao globulus. Eucalitos nitens chuchando as fontes do Miño, as fontes dos mil ríos galegos!

Lume na costa ártabra

Te puede interesar