Das outras mareas negras

|

E sabido que a ocasión fai ao gato ladrón. Tamén é certo que nada casa mellor ca fame que  as gañas de comer. Nestes días, todo tipo de frases feitas, refráns e comentarios máis ou menos altisonantes circularon pola nosa xeografía. 
E todos tiñan en común a sensación de vergoña, sumada á de impunidade e co cualificativo de intolerable. Se fora pouco coa trama Gürtel, Púnica e Rato, agora estoupa a trama Lezo. Da xestión da Presidencia de Murcia á Presidencia da Comunidade de Madrid. 
O expresidente madrileño, Ignacio González, en prisión sen fianza. A xestión na Canle de Isabel II, da que presuntamente foron desviados uns 23 millóns de euros, foi un dos detonantes. Tamén o escándalo de Mercasa, máis cobros de comisións etc. Ata onde imos chegar? E quen pensa asumir as responsabilidades políticas? 
As bágoas de Esperanza Aguirre, xogando o papel de infanta que ignoraba todo, son insuficientes para limpar tanta sucidade. E as palabras do presidente Rajoy, soan a broma de mal gusto. Dixo que acudirá a declarar ante o xuíz coa normalidade que a situación require...
Perdón? Alguén ve normal que un presidente de Goberno sexa citado como testigo nunha causa como o da trama Gürtel? E en segundo lugar, por manifestar en Sevilla, ante os xoves populares, que a xente do PP non se porta mal nunca (sic) e que o peor  erro, a peor equivocación, é xerar división en lugar de traballar pola unidade (sic)... 
Teño para min que é unha proba evidente da existencia das realidades paralelas. O teu é moito, recrimináronlle. Non se pode mellorar a perfección, din que respondeu un acérrimo seareiro curtido en mil escándalos...

Das outras mareas negras