Os tres de sempre

Con ese nome de reminiscencias castelaosiás adoitaba referirse o profesor Alonso Montero a tres alumnos meus que con frecuencia me acompañaban en actos culturais, ou doutro tipo, aló nos anos iniciais do milenio: Diego Bernal, Manuel Dans e Afonso Mendes. Coñecémonos -creo que tamén entre eles- nunha das aulas da Facultade de Filoloxía, no curso 2000-2001. Eles iniciaban a súa carreira e eu ese ano decidira impartir primeiro. Conxeniamos axiña e as breves conversas que mantiñamos no corredor, nos descansos das aulas foron ampliándose a outros espazos, nomeadamente a cafetaría. Tempo despois, coincidimos nunha manifestación diante da Delegación do Goberno. Acabada a manifa convideinos a tomar unhas cuncas na Traída, un céntrico e coñecido bar que eu frecuentaba e eles descoñecían. Alí falamos de mil cousas e comezou a xestarse o “Colectivo a Traída”, que, máis adiante, asinaría algunha publicación. En setembro de 2001, celebrouse en Celanova un importante congreso con motivo do sesquicentenario do nacemento de Curros Enríquez e Alonso Montero, presidente do comité organizador, suxeriume levar os tres de sempre para axudar en tarefas organizativas. E aló fomos gozar coa grandeza de Curros, coa vila, co bo tempo imperante e, como non, co licor café da zona. Nos cursos seguintes seguimos en contacto permanente, igual que cando acabaron a carreira e, mesmo, nos cadrou habitar espazos diferentes, inclusive ben afastados. Nos últimos dous anos andamos a voltas cun libro de conversas, fixemos algún que outro xantar, creamos un grupo de WhatsApp, “Ferrolinho que bonito és”, e viaxamos dúas veces a Braga -de fin de semana para pasear, conversar e comermos pernil-, excursión anual que decidimos institucionalizar.

Ao mediodía do pasado luns a voz alterada e chorosa de Alberto Pombo -un cuarto dos de sempre- comunicábame a inesperada morte de Afonso mentres se bañaba en Grecia. Tremendo pao, do que me vai custar traballo recuperarme. 

E o que son as cousas. Cando estaba acabando de redactar, con infinita tristeza, estas liñas recibin unha mensaxe electrónica de Carlos Martí co excelente poema que creou para honrar a morte do intelectual e poeta cubano Fernández Retamar, ademais de seu profesor na Facultade de Letras. Desfruteino coa mágoa de lle non poder escribir cousa semellante ao grande Afonso.

Para Afonso Mendes Souto, grande e benquerido amigo, in memoriam

Os tres de sempre

Te puede interesar