A CRISE COMO ESCUSA

Malia que todos os informes salientan que a clase traballadora perdeu poder adquisitivo CCOO e UGT aceptan menores incrementos co IPC para os dous vindeiros anos. O argumento utilizado é a crise e o desemprego (tamén os prazos que lles marcou Rajoy terán seu peso).
O problema é que aínda que desde o inicio da crise os salarios baixan a maior ritmo séguese perdendo emprego. Pasa isto porque en realidade estamos diante dun reaxuste económico e de poder, entre clases e nacións, nos que se “socializa” a costa da clase traballadora o xogo de casino dos ricos. Os datos da situación avalan este feito.
A OCU valora que desde a entrada do euro o aumento dos salarios foi dun 14% e o da inflación dun 23%. Tamén van nesta liña as últimas decisións do Goberno que, aínda sendo máis progresivas que o aumento do IVE, manteñen a orientación de cargar os custes sobre as clases populares. Así os ingresos de menos de 33.000 euros cubriran o 36,6% do total do aumento do IRPF, mentres que os de máis de 120 mil só farán unha contribución do 18,6%.
Ademais, estas medidas súmanse a outras anteriores, polo que choven sobre mollado para aqueles sectores que non dan chegado a fin de mes, un 58,1% das familias galegas. Tampouco se lle meteu o dente a impostos como o de sociedades (cunha taxa impositiva que é a metade da dos ingresos polo traballo), nen o de patrimonio, e non hai aínda un plano concreto sobre a fraude fiscal.
Tamén a cuestión territorial está metida no reaxuste. O colmo é a proposta de Guindos para que as contas das autonomías pasen previamente pola peneira do Goberno do Estado, recentralizándose deste xeito todas as súas competencias. Aínda que esta medida foi desmentida polo Goberno, reflicte unha tendencia preocupante, non xa de negación da realidade plurinacional senón do propio marco autonómico.

A CRISE COMO ESCUSA

Te puede interesar