Da vulnerabilidade

|

Sentirse vulnerable forma parte de procesos que teñen moito que ver coa experiencia vital, co grao de sensibilidade e con moitas cousas que un sabe máis por antigüidade no cargo, que por diaño.
O dano emocional que provoca o feito de saberse vulnerable, unha vez que chega e queda instalado no disco duro das nosas vidas, é intenso nalgunhas circunstancias de especial impacto. Como todo o que ten que ver coa vida, o amor e maila morte.
Son os clásicos Eros e Thanatos que a mitoloxía grega puxo como exemplo de impulsos que dominan o día a día das nosas realidades, e que Woody Allen, séculos despois, encargouse de converter en diálogos cotiás e recorrentes de todas as súas películas.
Seguramente está vinculado a unha metodoloxía da aprendizaxe por descubrimento e leva asociado outro tipo de efectos secundarios, coma o pleno afianzamento da convicción da absoluta fraxilidade, que forma parte da condición humana.
Canto máis duro, máis doado é que poida crebarse ás primeiras de cambio. Encaixar golpes é propio doutros materiais e doutras texturas, das brandas arxilas que envolven os embates en vez de devolvelos.
Os nosos mecanismos afectivos funcionan por resortes de empatía, de proximidade e de sentirse parte da vida e da memoria doutras persoas que teñen para nós marchamo de recoñecemento, de singularidade, de liderado nas nosas aprendizaxes e na nosa maneira de ser.
Somos o que somos grazas a esas persoas especiais que modelaron os nosos afectos e que, pola súa importancia nas nosas vidas, fixéronnos descubrir a vulnerabilidade, fixéronnos sentir a fraxilidade, e a importancia de poñer por diante de nós o benestar dos nosos. Persoas que sempre, para sempre, vivirán en nós.

Da vulnerabilidade