A misa por Rosalía

novamente, a convocatoria do Día da Patria Galega chama a concentrarse na alameda de Compostela para iniciar alí unha manifestación que rematará na simbólica praza da Quintana. É unha mobilización reivindicativa que, como cada ano dende 1968, continúa coa iniciativa impulsada pola Segunda Asemblea Nacionalista das Irmandades da Fala, tamén celebrada na cidade que agora é oficialmente capital galega, na que se acordou festexar o Día Nacional de Galicia que, como tal, arrincou en 1920. Estamos pois diante de dous momentos que lembran a longa traxectoria da que hoxe en día está consolidada como unha das efemérides fundamentais da axenda política galega, data de afirmación da nosa identidade diferencial.  
Velaí, van alá cincuenta anos da convocatoria que, na clandestinidade da época, levou ao actual movemento nacionalista, herdeiro do galeguismo histórico, a pendurar unha pancarta nas árbores da alameda santiaguesa coa proclama desafiante dun “Viva Galiza ceibe e socialista”. Debaixo  dela xuntáronse tamén un extenso grupo de mulleres e homes que así decidiron arriscarse nuns anos de feroz represión e de falta de liberdades nun acto de rebeldía que, como era de agardar, pronto foi enfrontado por unha policía chegada de fóra do país, producíndose varias detencións de persoas, algunha delas sobranceiros intelectuais da cultura galega. Porén, aínda que nos anos que seguiron continuou a prohibirse, dificultarse ou limitarse a celebración ou o percorrido da marcha cidadá conmemorativa do 25 de xullo, ata acadar a normalización final que une eses dous puntos dun percorrido que ten como partida un lugar próximo ao paseo da Ferradura; e dicir, á estatua que honra a memoria de Rosalía, e remata na praza do Mitin das Arengas do galeguismo.
Lugares cargados dunha historia que contén as páxinas de esperanza e a lembranza dos anos da represión. Tempos nos que foi posíbel a visibilidade de celebracións feitas con liberdade en espazos públicos; e outros, nos que tivo que tirarse da habilidade para sortear os muros infranqueables da negación máis absoluta. Nese contexto, neste período próximo xa á centena de anos que median do arranque da celebración ata o momento actual, en moita parte ocupados polas ditaduras do pasado século; xustifican a dúbida que levou aos promotores a debater sobre a idoneidade da data, entre a finalmente acordada asociada coa onomástica do Apóstolo Santiago, proclamado no franquismo como Patrón de España; e outra alternativa asociada coa execución do mariscal Pardo de Cela, o 17 de decembro. 
Outro xeito de manter viva a chama patriótica da causa nacional galega foi a “misa por Rosalía” que tivo precedente nos anos republicanos, oficiada en latín; trasladada a Bonaval perante a “longa noite de pedra” coa que se cubriu dignamente o labor do exilio.  

A misa por Rosalía

Te puede interesar