Que Bulgaria se negue a deixar pasar avións de Rusia con axuda humanitaria para Siria é unha decisión belixerante, que amosa ate que punto as vellas potencias, e os países que esperan obter beneficio dunha asociación con elas, poden chegar para defender os lucros dos máis ricos.
Trátase dun paso máis na escalada, nesta confrontación militar, económica, informativa, por mandar no mundo, querendo ignorar que China, India e Rusia, son potencias que cómpre recoñecer, a menos que se queira pagar un custe que pode destruír a maior parte da humanidade. Por se non abondase, alí onde interviron as potencias occidentais, seica para preservar a democracia e o progreso, deixaron a destrución, a lei da selva, a idade de pedra (Iraq, Afganistán, Libia, Somalia, Siria, etc.).
A presión de refuxiados sobre a UE, para alén do dramatismo da situación, non casa con que agora reciba a comprensión de gobernos que sempre mantiveron políticas sociais reaccionarias.
Este cambio semella circunstancial, pretende xustificar diante da sociedade europea unha intervención militar en Siria. Dise que é para rematar co EI. Aínda que o seguinte paso, o obxectivo real, sería esmagar os curdos e o Goberno sirio, xa que esa foi sempre a súa finalidade. Se non fose así, como entender que permitisen a Arabia Saudí, Qatar, Xordania, Turquía e Israel daren apoio total á oposición, e moi especialmente á Fronte Al Nusra e ao sanguinario EI.
Os curdos sirios controlan uns 20 mil quilómetros cadrados, e están a piques de cortar a vía de fornecementos ao EI dende Turquía. Se cadra, por iso Washington e Ankara queren ocupar esa zona, intervindo directamente. Diante desta decisión, Rusia decidiu enviar asesores militares para que se saiba que iso é un salto cualitativo que non van permitir.
En resumo, que os refuxiados, para Merkel son man de obra barata que preme á baixa os salarios; para os USA e a OTAN, unha xustificación de intervención. Porén, este paso belicista significa confrontar con Rusia, unha potencia nuclear. Chegados a este escenario non hai máis saída que a paz e o respecto á soberanía das nacións. Unha lección que a OTAN debería comprender.