Planteille ó director de Diario de Ferrol a posibilidade de ampliar o espazo da miña colaboración, aínda que nun principio tiñame máis que cuestionado se a súa invitación a plasmar nestas páxinas a miña opinión podería ter algún interese ou, canda menos, ser seguida por algún que outro lector. Non me comprometín a extenderme, mais ás veces penso que hai cousas que o merecen e que a limitación supón tamén non poder dicir todo o que un pensa.
Teño criticado por exemplo ó goberno municipal ferrolá, non porque non me guste senón porque non o vexo, ou non se deixa ver. Pero hoxe quedeime coa mensaxe do novo fillo adoptivo de Ferrol, o actor Javier Gutiérrez, con quen tiven a honra de compartir un café hai tempo, ledo de que o atopara na rúa e expresáralle o moito que me gustou “La isla”, na que acomete o reto de interpretar a un policía a cabalo entre os últimos tempos da ditadura e os primeiros da democracia. Sorprendeume entón a súa capacidade para facer crer ó espectador que non tiña nada que ver cos tempos escuros, cousa que non era tal. Vexo grande, grandísimo a este home, chamado a ser un dos mitos da escena deste país e, ademais, enchido dunha humildade tan sa e abrumadora. E digo o de sa porque hai que ter as cousas ben claras para dicir, en pleno homenaxe, que o que os políticos locais teñen que facer é deixarse de liortas e falar máis. Difícil propósito en calquera caso neste pobo grande no que se ten convertido Ferrol a base de teimar nelo.
O certo é que o peor do que pode carecer un político é de ambición. Sa, refírome, por suposto. Eu aínda confío en que os que prometeron facer algo pola cidade acaben por atopar o xeito de facelo, aínda que sea amodiño, pero, polo momento, sigo expectante á espera de que isto sexa algún día unha realidade. Góstame Ferrol. Nacín nel e vivo nel. Nunca saín fóra senón por motivos como unhas pequenas vacacións ou unha viaxe motivada polo falecemento dalgún amigo ou familar que estaba lonxe. Pero sempre tiven a mesma sensación cando retornaba, como se o que vía fora a primeira vez en velo. E mesmo esperaba que, aínda que con tan só algúns días lonxe, as cousas mudaran. Nunca foi o caso, non porque non se fixeran cousas senón porque o que se fixera pouco mudara sobre o xa coñecido. E o mesmo parecíame sobre as persoas que nos gobernan; cambian as caras, mais nada máis.