TOPACHO

Vai ti saber quen era exactamente este home, especie de cocón para os nenos do meu tempo. Caste de personaxe pouco menos que mítico co que se nos metía medo se non nos portabamos ben. “¡Que ven Topacho!”, e esa era a ameaza comodín, que igual servía para comer axiña a sopa ou ir de presa ao colexio. Que, mira por onde, no meu caso non estaba lonxe dos dominios de Topacho.

A quen atopei por vez primeira, sorriso beatífico, barba de días, roupa de náufrago sen a clásica illa con palmeira á que acollerse, pola parte do caleixón do Cuco, a un pasiño de onde nós xogabamos ao fútbol (praza de San Francisco) con aquelas pelotiñas verdes dos zapatos “Gorila”. E o conto é que, pensei para min, non era para tanto o home aquel, sentado nun recanto, a tomar a raiola nun día de comezos de primavera.

Topacho, o máis popular dos “populares” dunha cidade chea deles. Algúns recollidos por Siro en “Xente na brétema”. Siro, ese craque tan noso, ten falado de cómo Topacho acabou os seus días dignamente no Asilo de Pontedeume. Antes, moito antes, posara para unha foto publicitaria fácendolle o reclamo a unhas cóitelas de barbear, talvez “Palmera”, xa non recordo. Igual aparece coa consabida lenda do antes e despois de empregalas. Como o anuncio do chiculate de Matías López que estaba nunha parede da Rúa da Igrexa. Topacho, en cambio, paraba na parte do peirao. Onde os soños zarpan para volver feitos saudade. Ás veces non tornan. Outra historia.

TOPACHO

Te puede interesar