NA ANTESALA DAS ELECCIÓNS

A lotería non é cousa de sorte,
senón de saber elexir os díxitos.

Hoxendía é difícil escribir un artigo sen tocar o tema corrupción. Baixo tanta depravación, perversión e vicio de algúns transcorre a realidade da vida de millóns de persoas que sofren nas súas propias carnes as dramáticas consecuencias do paro e dos salarios míseros que non dan para chegar a medio mes.
Baixo a marxinación, a desigualdade, a falta de vivenda e a fame. Si, señora Aguirre. E vostede pretende desaparecelos da rúa para que turistas e señoritos que coma vostedes pensan, non lles   remorda a conciencia ao velos mendigando ou durmindo na rúa. Ou tamén é súa?
Non están na rúa por gusto, senón por culpa dunha política capitalista pola que a pobreza e a desigualdade avanzan coma as augas dunha treboada costa abaixo.
Saiban que por moito que presuman da mellora da macroeconomía que o 80 % dos cidadáns non notamos a recuperación, aínda que si ao resto, o 20 %, coa crise médralles carteira e barriga.
Despilfarro, a pillaxe, o abuso de poder e as inxustizas, namentres os canallas campan ás súas anchas dende o centro xeográfico (km. 0) pasando polos catro puntos cardinais. Dun extremo a outro.
Na segunda metade da segunda década do século XXI, a só doce días das eleccións, cando os candidatos arroupados por baróns de discurso fácil, que casi nunca saben en que poboación están falando de xeito que parece padecen de amnesia, repiten a mesma milonga de fai catro anos.
Algúns e algunhas, tanto dos que participan por primeira vez como os que recuncan, non lles falta bontade e con ilusión defenden bandeiras de honradez e de traballo colectivo, xunto ao pobo soberano, sabendo que as institucións son do conxunto da cidadanía, non dos rexedores.
Ollo con aqueles de sillón apegado ao cu. Aqueles que intentan ter a tixola polo mango para comer menú fresco. Aqueles solaneiros que están onde máis quenta. Cos que tanto conducen pola dereita que pola esquerda. Cos comediantes e especialistas no arte do enguedello e do escapismo. Cos camaleóns de despacho, de hoteis de cinco estrellas e de prostíbulos comunitarios e portas xiratorias. Tamén cos falsos puritanistas.
Xa logo me asemello, polo dos consellos, a aquel padre misioneiro que cando eu aprendiz de Astano viña darnos aquelas pesadas charlas no vello taller de armadores pola Pascua. Os aprendices tiñamos que asistir, onde non, podía haber un cero patatero e repe de curso.
Onde o pasabamos ben era na Casa de Exercicios Espirituais de Pontedeume. Unha semana enteira para nos facer bos e a ser posible santos. Polas noites despois do toque de queda, algúns saltando polas xanelas traseiras escapabamos á vila e  cantaba o galo cando retornabamos á santa casa. Penso que para nada cambiamos; os que eran responsables seguiron sendo e os randas non melloraron.
Aquelas persoas que nacimos na década dos corenta, que cando a transición da dictadura á democracia andabamos “daquel xeito”, loitando pola liberdade desexando que pronto España fose un país democrático, sentindo envexa daqueles países europeos  que facía tempo xa o eran, temos algo ou moito que dicir a esta nova xeneración, tamén con moitos problemas, que entre todos, solucionaremos.
Canta xente sufreu, canta deixou a vida para conseguirmos liberdade e democracia. Que perduren.
Aínda que nun sistema democrático no que os que gobernan fan e desfán sen contar co pobo. Nun sistema no que por máis que nos digan os gobernantes non cremos que a xustiza é igual para todos. Un sistema no que con moito dor de corazón vemos que os que gobernan, ás veces dan pena, outras noxo e burla aquí e alén das nosas fronteiras, debe ser remozado.
E falan e tratan de convencernos e convencérense eles mesmos; pero unha cousa é o que din ao pobo e outra o que o pobo pensa do que eles din, que en nada se asemella. Velaquí a cuestión.
Na miña humilde opinión coido que a nosa Constitución que foi aprobada, entre outras cousas para “ garantizar la convivencia democrática y las leyes conforme a un orden económico y social justo”, coido que necesita ser adaptada á época na que vivimos. Quizais sobren artigos e falten dereitos reais e leis para os defender. Que non sexa, coma hoxe, papel mollado.
Ninguna cota de poder debe pasar por enriba da Xustiza. E os canallas, insaciables, corruptos e ladróns vaían saciar ó cárcere a súa cobiza. Aos senteito, traballo digno e vivenda… Onte mirei un esquío nos montes do Carballal, trepou a un piñeiro, ollou para min e meneou o rabo, como queréndome dicir: “Non esquezas o do día 24”.

NA ANTESALA DAS ELECCIÓNS

Te puede interesar