Minifaldra xaspeada

|

As festas de Nadal son uns días que sempre acaban co día de reis, polo menos na teoría, porque en ocasións case continúan co Entroido. Despois volvemos á realidade, a facer fronte aos pagamentos dos cartóns de crédito, aos recibos que chegan puntualmente coas súas subidas e ao mal hábito que temos os galegos de comer con certa regularidade, aínda que desde a capital do Reino avoguen por realizar unha purga dos excesos alimentarios desas datas de fogóns desbocados.

O bo que tiveron esas datas sinaladas foi que os políticos nos deixaron en paz, polo menos os galaicos, que sempre están de vacacións e só saen para dar algún que outro desgusto. O noso monarca, o Borbón, foi o único que tivo tres especiais televisivos, aínda que deu a impresión de que era o mesmo con diferentes poses: apoiado na mesa, sentado e de uniforme. Como lle colla gusto ao final saíra nun programa matinal instruíndo sobre a receita tradicional do roscón de reis.

Esperemos que a algún dos asesores de Feijóo non lle dea por emular ao xefe do Estado e participe en programas especiais desde as casas museos dos pais da patria galega ou facendo churrasco nunha área de descanso da autoestrada, que tamén é típico e tradicional. O político do noroeste debería ter persoas máis capacitadas que non lle fagan meter o zoco, como tantas veces lle ocorre.

Pero agora chegan as rebaixas de roupa, claro, porque de electricidade e carburantes nunha hai tempo de desconto. Os comercios poñen en letras grandes as porcentaxes de redución e así se anima o consumo. Outros establecementos cambian os escaparates e expoñen prendas que nos levan a pensar que estamos nos anos setenta, disimulados pola moda actual das trencas e das chaquetas con plásticos nos cóbados.

“Isto non o poñemos de rebaixa!”. É unha frase que se repetía días atrás cando un se aventuraba a comprar calquera prenda. Nin minifaldras negras xaspeadas ni abrigos nin pantalóns de marca terían desconto, simplemente ían para o almacén da tenda até que pasase a tempada e se non se vendía, volverían ao escaparate en catro anos.

Un tendeiro comentaba que se negaba a renunciar á súa marxe de beneficio na venda nin un punto porcentual, a razón, dicía el, era que a roupa era unha necesidade e que a xente seguiría comprando, do mesmo modo que acende as lámpadas para ver de noite.

Moito se bota de menos aquel comercio tradicional no que se compraba un lote de roupa e despois o tendeiro botaba as contas en facía una rebaixa substancial, tanto fose nunha época como noutra, sen regulamentación administrativa, e en libre mercado.

Que como non se acabou o mundo, a vida continúa, máis cara e con menos descontos, aínda que a minifaldra xaspeada no torne o frío.

Minifaldra xaspeada