Das terminoloxías

Construímos a realidade a base de palabras. Asistimos á transposición do que sucede a base de terminoloxías que levan cátodos e ánodos, segundo como se mire. Empregamos palabras polisémicas, que arrastran valores diferentes en función do contexto no que sexan utilizadas. Ou simples, que non pretenden utilizar dobres fondos, nin conservantes ou colorantes que modifiquen a súa composición e /ou textura. Hai palabras derivadas, e outras decenas máis de tipoloxías como determinantes, cualificativos, substantivos, posesivos ou similares. Tamén  hai palabras que unen ou separan. Que conlevan enlaces covalentes que buscan equilibrio e estabilidade, ou pola contra, a separación radical para marcar ben claro os territorios novos e das novas formulacións epistemolóxicas, que buscan sinalar novas linguaxes e novos posicionamentos. O motor de impulso e avance da loita pola igualdade real das mulleres, pola conquista de dereitos e liberdades, foi e estivo centrado no Feminismo e cun campo de actuación política nos partidos da esquerda. Hoxe esta unión esta  rota. As novas terminoloxías buscan, non só crear categorías novas, senón redefinir a realidade e a historia en base a postulados diferentes. Demasiados anos de loita, recompensados en parte dende á chegada dos socialistas ao poder, para que agora se pretendan impoñer unhas terminoloxías que perseguen, dende unha posición minoritaria, cambiar radicalmente a visión da sociedade e da historia. Hai palabras afiadas que firen, desgarran e confrontan, que son coma un choque de trens con aquelas que dende sempre aportaron quentura, compromiso e defensa compartida das Mulleres. Fagamos que siga sendo unha loita en maiúsculas.

Todo sucedeu acaso coma as airexas que anuncian as tormentas -dixo El con tenrura– como a suave brevidade ca que caen os outonos. Pensala foi algo elemental, como respirar, ter sede, soñar ou botala de menos. Descubrir que hai fronteiras infranqueables, foi a consecuencia natural de sentila...

Das terminoloxías

Te puede interesar