Malos ventos

O Instituto Nacional de Estatística acaba de facer pública a evolución do IPC do último ano que reflicte un incremento dos prezos dun 1.6%. Nin que dicir ten que esta deriva supón unha nova e significativa perda de poder adquisitivo para unha boa parte da cidadanía, da clase traballadora, e que se fai máis patente no funcionariado e nas clases pasivas, que veñen padecendo sistematicamente esta situación ano tras ano, desde xa non se sabe cando. 
Desde logo xa non valen as reiteradas chamadas dos gobernantes a sacrificarse un pouco máis porque xa se albisca a melloría da situación. Son as constantes mentiras, as parole, parole da canción deste título, que Mina Mazzini e Alberto Lupo converteran en tremendo éxito a comezos dos setenta: “parole, soltanto parole, parole tra noi”. É como dicir nada de nada. 
Ao tempo, o ministro Montoro anuncia que o proxecto económico do Goberno pretende a redución do IRPF, que, como todo o mundo sabe, é a medida impositiva que máis favorece ás clases privilexiadas e non ao conxunto da sociedade. Son medidas de cara á galería, mais o común da xente pica e pensa que realmente lle van reducir os impostos. Mais é pura aparencia. A contía desas rebaixas na maioría das economías é imperceptible. Ademais, se o Estado, para o seu funcionamento, ten que ingresar unha certa cantidade de diñeiro de algún sitio terá que sacar o que deixa de percibir pola baixada dos tipos do IRPF e non hai outro que os impostos indirectos, que é o modelo impositivo máis inxusto. A porcentaxe impositiva por tomar un café, a contribución para o funcionamento do estado, é a mesma para quen gaña 30 que para o que gaña 3.000 ou 300.000. 
O IVE é igual para todos e, obviamente, moi xusto non parece, ou si? O principio de que o que máis gaña máis paga con impostos indirectos, como se ve, non funciona. Mais esta dos impostos indirectos é pola que aposta claramente a UE e, consecuentemente, os nosos gobernantes e, mesmo, os grupos recentemente aparecidos con supostas ansias de cambio. Velaí o caso de Ciudadanos, que presenta como medida estrela a rebaixa do IRPF e non a do IVA. Socializantes, que se diga, non son. E ao carón destas nada boas noticias de perdas de poder adquisitivo pola suba do custo da vida e de posibles rebaixas nos impostos directos, que, insisto, fundamentalmente só ou case benefician os ricos, volve aparecer o tema do repago dos medicamentos polos xubilados, iso que, eufemisticamente, as autoridades denominan copago. 
Non hai tal copago. Os medicamentos pagámolos todos os contribuíntes e os que os temos que usar volvémolos pagar, isto é, repagámolos. De feito, nestes días pasados, a ministra do ramo sanitario, dona Dolors Monserrat quixo aclarar que na axenda do Goberno non está prevista a reforma do pago farmacéutico para os pensionistas que non superen os 18.000 euros, mais que si estaría disposta a modificar o tramo superior a esta cantidade e anunciou que se elaborará un informe realizado por expertos. Non sei se lles pasará tamén a vostedes o que me pasa a min, que escoitar a palabra expertos e botarme a tremer é todo un. Que queren que lles diga? Pois que xa aclarou que se vai incrementar a porcentaxe de pago na medicación de milleiros e milleiros de pensionistas. Acumulan perdas salariais de case un punto e medio e obséquianos cun imposto suplementario na medicación. En nada dirán, sen rubor ningún, que haberá que morrer antes.
 

Malos ventos

Te puede interesar