Tras ler o sábado, neste diario, a noticia referente á aparición de ratas negras en Madrid –especie asiática que adoita estar en zonas portuarias– lembrei unha da semana anterior na que se anunciaba a capacidade doutro tipo destes roedores para conducir vehículos co fin de conseguir comida e, a verdade, é que ambas me produciron inquedanza e trouxeron á miña mente A Peste, novela que Albert Camus publicou en 1947. Presentín que algo agoiraban. A imaxe repetiuse ao facerense públicos os resultados electorais de antonte e coñecer o espectacular ascenso da extrema dereita. O discurso do señor Abascal falando de parlamentos rexionais, leis liberticidas... achegoume a tempos pasados que, por cuestión de idade, afortunadamente non vivín, nin quero vivir.
O salvable da xornada foi que Galicia –como o País Vasco, Navarra, La Rioja e Melilla– non contribuíu ao ascenso de Vox, e que o BNG regresou ao Parlamento español. A isto hai que sumar a dimisión de onte de Albert Rivera, o esperable, despois de perder 47 escanos, aínda que pouco usual.