O 155: dinamizar as pontes

|

Algúns medios destacaban estes días que Cataluña perdeu 6.700 millóns de PIB pola fuga de empresas. 
Ou sexa, que a actividade produtiva reduciuse polo peche, traslado, ou redución das vendas. 
Este recuar sería en beneficio de Madrid que, deste xeito, pasaría a ser a autonomía ou nacionalidade con maior peso no PIB do Estado. 
Algo que por outra banda non sería unha novidade, xa que no ano 2016, Cataluña representaba o 19% e Madrid o 18,9%. E se collemos as últimas catro décadas, Madrid medrou en poboación e PIB por riba de Cataluña e Euskadi. 
Por outra banda, esas empresas de Cataluña só están a deslocalizar as direccións das sedes centrais,  cun traslado de persoal mínimo. 
Tampouco se pode ignorar que é o Goberno central quen recada o imposto de sociedades, así como o IVE, e o IRPF, aínda que neste último hai unha parte autonómica. 
Entón, cal é a razón pola que se perde de súpeto máis do 3% do PIB? Estas cifras son pura especulación. Unha utilización perversa da falta de coñecemento da xente, para transmitirlle a idea de que a independencia de Cataluña é unha barbaridade. 
Non hai argumentos de maior peso, como ofrecer un proxecto común que garanta igualdade de protagonismo e capacidade de decidir para todas as nacionalidades? 
A proposta do PSOE de recoñecemento das nacións como realidade cultural diferenciada, non dá resposta máis que a unha parte do problema, ignorando todo o que se foi sumando: desigualdade do reparto do traballo e da riqueza entre territorios, e poder ter capacidade para defender os intereses nacionais no marco do Estado español, na UE, e nos múltiples acordos internacionais. 
A complexa situación política, a falta dunha saída dialogada, pode afectar a sectores como o turismo. A comezar  por Cataluña. Mais tamén ao resto do Estado español. 
E neste caso, a aplicación do 155 agrava o problema, xa que alonga no tempo a situación de inestabilidade. Xa que a resposta lóxica será un aumento da confrontación social e política en Cataluña durante anos, mais tamén en todo o Estado. 
Os partidos que asumiron a liña da man dura (PP, PSOE e Ciudadanos) acaban de liquidar calquera posibilidade de solución pactada. 
 

O 155: dinamizar as pontes