Lembranzas

Por estas datas flúen lembranzas dun tempo que semella moi pasado pero que en realidade aínda está aí á volta da esquina, cando por Semana Santa todo cambiaba por decreto, cando a negritude facíase máis negra, cando a tristura era unha obriga, cando a música popular trocábase por música sacra, cando a avoa Leocadia sentábase diante do televisor para ver e escoitar procesións e sermóns en branco e negro. En realidade a nosa vida transcorría en branco e negro: non estaba ben visto cantar pola rúa, viñan á vila frades que con alcendido verbo falaban da paixón de Cristo e de paso das torturas ás que se enfrontarían no inferno aqueles que se afastasen do recto camiño; os bares pechaban ao paso das procesións que a xente contemplaba en silencio absoluto desde os balcóns, moitos deles enfeitados coa bandeira nacional, co son cadencioso dos tambores encargados de marcar o paso e os rapaces faciamos exercicios espirituais previos a todo iso. ¿Como non ter lembranzas de todo aquilo? Claro que logo cada quen para os seus adentros facía o que lle viña en gaña comezando polo xefe, un crego apelidado Blanco que tiña un carácter endemoñado e que logo do simulado recato procesional subía a un taxi e na compaña dalgúns amigos puña rumbo a “Casa Tonita” nas Neves e alí ceaban con fartura celebrando o ben que lles ía na festa. Todo aquilo foi esmorecendo co paso do tempo e a xente mudando usos e costumes ata chegar a esta Semana Santa na que as procesións convertéronse nunha representación escénica na rúa na que a xente, os espectadores, actúan coma extras acolléndose ao guión establecido. Viaxes, vacacións e troula son xa parte consubstancial dunha Semana Santa onde o espiritual e o material son parte indisoluble do asunto. As confraías traballan todo o ano para teren todo a punto  nestas datas e mirando ao ceo  pregando para que non chova, o mesmo ca xente que se move dun lado para outro para gozaren dunhas vacacións como Deus manda, nunca mellor dito. Abren bares e locais de música, xa non poñen na TV “Marcelino pan y vino” e o branco e negro foi dando paso aos diversos matices dunha democracia e unha Constitución que nos define coma país plural en canto a pobos e  con goberno aconfesional cousa esta aínda complicada de asumir. En calquera caso ningún tempo pasado foi mellor así que postos no dilema de elixir quédome a pesar de todo con este  que nos toca vivir arestora con certos cores apoucados que paga a pena intensificar. A ver logo que facemos.

Lembranzas

Te puede interesar