O coche cómenos terreo

Chagaba hai uns días a casa e estacionei o meu vehículo no lugar onde acostumo a facelo que , dito sexa de paso, estaba ateigado de coches ata a bandeira, cousa habitual nestas datas nas que a poboación aumenta considerablemente na miña vila malia non ser esta unha localidade  de referencia na cousa turística. Alguén achegouse a min e comentou o sometemento a que estabamos abocados os cidadáns diante de tanto automóbil e a necesidade de buscar solución a tanta ocupación de espazo público. Tarefa francamente difícil, dixen, posto que estamos mergullados de cheo na cultura do coche e resulta complicado cambiar o chip así polas boas, tanto que o poder dispor dun coche converteuse  nunha das máximas aspiracións para un cidadán do século XXI. E postas así as cousas chegamos á conclusión de que é raro atopar un  núcleo familiar no que a figura dun coche non estea presente, e nalgúns casos dous ou tres. E o espazo non estira e hai que metelos onde se poida, convertendo a paisaxe nun gran garaxe urbano. Por outra banda os nosos pobos e cidades non están deseñados para albergar tanto automóbil e faríase preciso facilitar espazos periféricos para os visitantes co gallo de aliviar as zonas máis transitadas pola xente. Claro que algúns queren chegar co coche ata a porta do bar onde toman a cervexa ou sentir a calor da chapa namentres gozan do sol na praia, costumes que necesitan cambio e que quizais moitos non estiveran dispostos a asumir. Non sería desatinado pensar nunha nova cultura respecto ao uso do automóbil, cousa que non se fai por xeración espontánea..
En cinco minutos o meu interlocutor e máis eu barallamos utópicas solucións que, precisamente por utópicas, non se poderían levar a cabo malia que non estaría de máis crer un pouco nas utopías: que si o uso das bicicletas, que a necesidade saudable de camiñar máis, que si patatín que si patatán. Si, si: vaille dicir ti a algúns que se poñan a pedalear ou a facer camiño andando cando poden moverse sentados sentindo na súa pel o bramar do motor de cen cabalos. Isto, se de verdade queremos amañalo, non se pode resolver preguntando a cada un o que lle gustaría facer ao respecto e si establecendo normas reguladoras que respecten os dereitos de todos e que fagan máis doada e agradable a vida nos pobos, vilas e cidades. Ao marxe de todo istosería bo recoñecer ata que punto cambia o noso carácter e conduta cando imos ao volante do coche. E suficiente poñer un pouco de atención e observar o que acontece ao teu derredor. Da a sensación de que o coche pode con un, que te domina, que potencia a túa agresividade, que cando vas dentro estás para transgredir as normas. Para decatarse tan so fai falla observar cantos respectan os limites de velocidade: moi poucos, verdade? O psicotécnico é unha inspección que periodicamente teñen que pasar os condutores, e tal e como están as cousas teríase que chamar “fisicotécnico” porque o “psíco” sobra xa que o usuario so está suxeito a unhas probas físicas que nada teñen que ver coas súas posibles reaccións anímicas ou normas de conduta ao volante. Queda camiño por percorrer nesta materia e por dar traballo aos psicólogos e psicólogas nos “psicotécnicos”.
En fin, que os coches están aí para facilitarnos moitas veces as cousas pero sería moi recomendable manter con eles una relación harmónica e sustentable. Abofé.

O coche cómenos terreo

Te puede interesar