BEATIÑO

|

 Teño un afillado, e amigo, que deixando na beira do camiño unha carreira brillante (aí coido que erras, rapaz) marcha para un seminario na Toscana, a unha carreira de can de Florencia, coa idea de se facer crego dun instituto relixioso definitivamente preconciliar. Isto é, misa tan só en latín, sotana, e bótalle fío ao papaventos da parafernalia relixiosa anterior ao bo Papa Xoán. Meu afillado sostén que non se trata soamente dunha cuestión litúrxica solemne, que o seu é achegarse a un concepto eclesial que debe recuperar formas, si, pero tamén contidos dunha autenticidade perdida. E eu aí xa non entro. Que estas cousas sun don persoal que mete medo, e o rapaz transmite na ollada semellante beatitude que eu non podo senón desexarlle que sexa moi feliz. Ao menos tanto como agora parece. Que logo xa virán as rebaixas. Por iso o único que me desconcerta é que non remate a carreira (está en quinto, duns estudos realmente complexos, a piques pois de chegar a porto) por se as cousas veñen mal dadas.

O home sorrí e, parcial de San Juan de la Cruz como é, dime “que ya solo en amar es mi ejercicio”. Por aí, pola poesía tan alta, tan alta, ben sabe que me pode apañar. E por iso agora son eu quen sorrí, dourado polo sol deste falso inverno de Madrid. Agardando que o aire caloroso da Toscana sexa favorable a Jorge. Tan beatífico ou beatiño que dá xenio velo. Tamén sentilo, discurso tan mol e vehemente cal as carricantas nos veráns toscanos.

BEATIÑO