Xogando noutra liga

Hai que ver como anda o patio, ou mellor dito o terreo de xogo, porque aínda que era máis ou menos sospeitado, agora nolo confirman nos papeis da prensa escrita con pelos e sinais. Poderíamos pensar que os xornalistas esaxeran porque pretenden vender xornais sexa como sexa, pero podendo ser isto certo , a cousa éche máis seria que todo iso. Resulta que célebres xogadores de fútbol  da nosa liga BBVA evaden impostos en cantidades o suficientemente importantes como para incorrer nun delito grave, famosos deportistas como Cristiano Ronaldo ou Messi que son, ou deberan, ser exemplo para os nenos que os seguen decotío. Véndoo así, o fútbol ten un protagonismo que vai máis aló do estrictamente deportivo  con actores que non son precisamente un exemplo a seguir aínda que, claro está, dentro de todo este enredante mundo, tamén hai xente decente, como non podía ser doutra maneira. 
Un pode chegar a pensar que estes rapaces golpean moi ben o balón cos pes pero de cabeza non andan moi sobrados, refírome as neuronas. Pero ollo, o máis tolo neste tema, asesorado por un  experto despacho de avogados, fai un reloxo de madeira de precisión suíza. Con eses adestradores son capaces de meterlle un gol pola escuadra a Facenda en menos que canta un galo. E a Axencia Tributaria a velas vir, a mirar para outro lado e a indagar se algún asalariado cunha renda  contributiva despista cen ou douscentos euros namentres estes nenos mimados multimillonarios regatean e deixan nun claro fora de xogo a Facenda sen ningún medo de iren ao cárcere porque neste país polo que se ve só pisan a cadea os pingóns, os miñaxoias. Reparen que no caso de Cristiano Ronaldo se está a falar de máis de 150 millóns de euros que non che é moco de pavo. Non quero nin imaxinar se unha empresa calquera debera esta cantidade a Facenda, probablemente estaría xa intervida ou pechada ao contrario do que pasa con estes ídolos do balón que semellan gozar dunha impunidade a proba de bomba e polo que se ve de xuíces,  porque non me digan que a prohibición ao director do diario “El Mundo” por parte do xuíz Zamarreño, a petición de Senn Ferrero Asociados asesora de Cristiano Ronaldo, de non publicar nada máis sobre o asunto dos impostos correspondentes aos dereitos de imaxe do astro do balón, non é como poñer portas ao monte. Polo visto C.R. depositou nas Illas Virxes británicas dende o ano 2009 uns 150 millóns de euros. Case nada! Diante dun caso así a Xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sinala: “a preponderancia do dereito fundamental á liberdade de información fronte ao dereito á intimidade cando cúmprense os requisitos de veracidade, dilixencia informativa e relevancia pública”(sic). 
Toda esta información parte do chamado Football Leaks que destapou unha morea de fraudes a Facenda por parte dun feixe de futbolistas e a cousa, polo que se ve, non fixo máis que empezar. E todos estes fraudes son posibles grazas á enxeñaría fiscal da que se benefician non só os futbolistas senón tamén empresas coma por exemplo Inditex que segundo limos estes días esquivou entre 2011 e 2015 uns 585 millóns de euros grazas a esta praxes fiscal. Está cada vez máis  claro que algúns andan a xogar noutra liga con outras regras de xogo.
 

Xogando noutra liga

Te puede interesar