A música contemporánea

Non sei se algunha vez comentei con vostedes o contacto que tiven na cidade de Los Angeles co compositor cubano Aurellio de la Vega, un afamado especialista na denominada “música contemporánea”, un estilo músical polo que aínda moitos non foron capaces de entrar debido a que a linea melódica adopta formas máis ben afastadas do concepto clasicista ao que maiormente estamos acostumados e adopta o método dodecafónico no que o compositor usa só os doce sons da escala cromática. Lembro con moito agarimo a cea que compartimos aló no Fisterra californiano, na casa do meu tío Xosé Rubia Barcia e da lección maxistral que a min me pareceu a súa conversa sobre a música contemporánea. Fora alumno de Shonberg e sen dúbida iso deixa pegada. Regaloume un disco que sinceramente me costou dixerir, requiriu un esforzo grande pola miña parte pois meus ouvidos e sensibilidades estaban noutras coordenadas. Tratábase dun concerto onde Aurelio de la Vega recorría á electrónica e a sons pregrabados que mesturaba cunha trompeta. Sei que hai cousas que requiren un esforzo adicional para tratar de entendelas e a min pásame coa música contemporánea á que cheguei repectar pero que aínda non me leva polas sensacións que me proporciona a música clásica. Non sei se xa a estas alturas da miña vida logrará enfeitizarme.

Todo isto ven a conto porque o pasado xoves tiven ocasión de escoitar unha peza de música contemporánea a cargo da OSG nun concerto programado pola Sociedade Filarmónica. Trátouse de “Eleusis” do compositor Octavio Vázquez e que recrea os ritos de iniciación nesa cidade próxima a Atenas dedicados ás deusas Deméter e a súa filla Perséfones. Unha história que coñecín grazas á palestra que nos ofreceu o mércores Julián Carrillo , crítico musical e ademáis amigo de Octavio Vázquez. A min a conversa de Carrillo quitoume o feitizo porque non coñecía nada sobre o que se inspirara o compositor: ese rito iniciático, pero ao escoitar a magnifica interpretación da formidable OSG quedei instalado nese inframundo. Condicionado pola explicación do crítico musical non puiden escapar da imaxe da cova inframundana nin voar coa imaxinación a outros mundos, pero malia iso gocei cos rexistros atonais de “Eleusis” e da súa diversidade tímbrica. Esta música require un certo esforzo de intelección, pero iso, meus amigos e amigas, acontece case sempre coas cousas que pagan a pena. Abofé.

 

A música contemporánea

Te puede interesar