“Ferrolán-día”

|

matinando no asunto de Tabarnia e no seu presidente o señor Boadella, ocorréuseme a posibilidade de facer aquí en Ferrol algo similar. E pois o Estado Español non nos presta moita atención, e a Xunta de Galicia non está pola labor, poderiamos declarar a festividade de “Ferrolan-día”, que significa o “día ferrolán”. (Non confundir con “ferrolandia” por se nos queren anexionar os ingleses). Ese sería o día en que, as forzas progresivas do Concello, entendesen a necesidade da súa unión, poñendo os intereses dos veciños por diante dos seus intereses partidistas. Así comprobarían que hai moitas máis igualdades que diferenzas e que o beneficio para os veciños sería moi superior aos pequenos prexuízos de cada un deles. Claro que fai falta moita xenerosidade e un “Boadella ferrolán” capaz de impoñer un sistema “petrarquiano”, con todos namorados dunha “Laura ferrolá”. Difícil, non si? Mais soñar non paga impostos... E se Luter King tiña un “Dream”, por que nós non? 

“Ferrolán-día”