QUE NON VOLVAN

Ofinal do verán non o marca o paso do sol nin o comezo das clases nin os antigos exames de setembro. Agora o fin da época feliz para algúns vén sinalada pola ameaza dos políticos con regresar aos consellos da Xunta ou de ministros. Estábamos tranquilos cos nos incendios, algún furtivo e Xibraltar, pero agora regresa Bárcenas, suba de taxas e as manifestacións de protestas, o que indica que regresamos á normalidade e que se acaba a verbena.
Soutomaior vai ser a saída oficial, aínda que a neutralizada xa comeza esta semana, cando os calores da capital do Reino minguan e as noites son máis soportables para durmir e non hai risco de espertar con mal pé e pór en perigo ao conxunto da sociedade cunha decisión meditada no insomnio. A ver como lles vai aos nosos conselleiros sen festas gastronómicas á espera de irse a mares caribeños.
A prima de risco baixou en verán, a Bolsa subiu, o desemprego baixará nos primeiros datos de setembro, os turistas inundaron hoteis e praias, os carburantes deron un respiro e até os montes de Ourense arderon máis que nunca, todo como nos mellores tempos nos que todos éramos propietarios, investidores e xente de crédito bancario ilimitado, así que a recuperación económica será mellor sen políticos en activo ou que estean en vacacións permanentes.
As mellores ideas sempre aparecen a altas horas da madrugada nas explanadas das cafeterías, agora reconvertidas en alpendres. Polo menos iso é o que se supón visto que estaban cheas este verán de altos cargos políticos falando sen parar e moitos en actitude de botellón, para ir cos novos tempos, de tal xeito que mentres lle daban un grolo ao vaso de cubalibre, mandaban un SMS, respondían ao teléfono, fumaban un cigarro e respondían a un dos seus compañeiros de correría nocturna. Son multitarefa, aínda que sabe deus cales serán as consecuencias para o resto dos mortais.
O malo é que os nosos políticos non sempre están de vacacións senón que tamén aproveitan o tempo para facer favores. Sempre hai alguén que acode xunta eles para pedirlle que lle acelere a vez para sacar unha radiografía e que os galaicos sempre necesitamos unha recomendación para ir polo mundo, aínda que sexa para pedir vez no médico. Non sei se ao final haberá radiación, pero si xa houbo unha ducia de ovos da casa, que vén sendo a moeda tradicional no troco de favores.
Non queda outra que agardar a que o próximo día dous non sexa un luns negro para Galicia co desembarco nas ondas capitalinas de entrevistados que anuncien novas medidas, aínda que aquí a única preocupación seguiran sendo os lumes, polo menos mentres non chova, despois virán outras.

QUE NON VOLVAN

Te puede interesar