Mortes anónimas no Estreito

Toda unha vida. Así di a canción. Mais, desta volta, é certo. Toda unha vida loitando para que a política migratoria do goberno do estado sexa outra. Toda unha vida denunciando que a mala Lei de Estranxeiría, do Aznarato (ano 2003), que contou co acordo do PSOE, e o seu negativo posterior desenvolvemento regulamentario, eran unha porta ao atropelo de dereitos e significaban a vulneración da dignidade das persoas migrantes, para ver que, nada, nada baixo o sol do capitalismo, cambia.
Mortes no Mar Mediterráneo. Mortes nas costas de Lampedusa. Mortes no mar dos caiucos e pateiras. Mortes e máis mortes nas nosas conciencias adormecidas deste Occidente europeo que perdeu os sinais de identidade da igualdade, da liberdade e da fraternidade. Acoiteladas nos valos mortais de Ceuta e Melilla. Mortes nas portas do primeiro mundo, da chamada Marca España –acaso non a publicitan así en África e no resto do mundo colonizado e empobrecido?– . Mortes que sangran. Ou será, como querían aqueles evanxelizadores –inquisidores– que percorrían coa cruz na sotana que esas persoas non teñen ialma e non sangran?  Como é entón que esta sociedade non amose o seu berro de indignación? Que ten que acontecer para maldicir o estado de sitio en que viven os dereitos humanos, os de todas as persoas?
Non sei. Síntome estafado, enganado. Dixéranme que eramos humanos e que a humanidade se caracteriza pola súa solidariedade, pola súa cooperación, pola súa relación fraterna co outro. Ou é, tamén nisto, que todo é unha enorme mentira?
No teatro dos soños non debe existir espazo para o soño da persoa migrante, daquela que ousa enfrontarse ao seu futuro, e decide, co xusto, ás veces sen nada, cruzar o mundo coñecido para chegar a este primeiro mundo, onde todo é Arcadia, onde existen promesas de felicidade. Ou é que a Marca España é só para grandes empresas, para  a banca e exércitos de blancos colonizadores? Non finxamos nisto. E deixemos o politicamente correcto, porque fede. Xa sabemos que existe corrupción na política. Todos os malditos días está aí coas súas diversas onomásticas, pero todas respondendo ao lucro do cargo público, á porta xiratoria do privado e do público, á compravenda de favores, que creban a cousa pública, a ética que debe prevalecer no cargo público e na democracia.  Mais tamén existe a mentira e a hipocrisía. Quen pactou esta política de fronteiras? Quen dixo si á Directiva da Vergoña en Europa? Ou teremos que chamar a Freud para que analice o subconsciente de todos e todas as que agora din: “hai que ver, que malos sodes os do PP cos inmigrantes”.
Repito, neste reino monárquico e depredador, moi poucos fomos os que nos opuxemos con forza, con coherencia, con ética, desde os mesmos inicios, a toda Lei-Búnquer. Os que dixemos NON a esta Europa-Fortaleza. Os que dixemos non ás expulsións nocturnas desde os novos campos de concentración (os CIE’s=Centros de Internamento de Estranxeiros) a terra de ninguén. Os que dixemos non á criminalización das persoas migrantes e daquelas que traballamos para a salvagarda dos seus dereitos. Os que dixemos e seguimos dicindo SI a unha protección radical da dignidade humana e dos dereitos humanos.
E agora, este exército de malnacidos e mentirosos, sobre todo os que gobernan, en vez de asumir a responsabilidade de todas estas mortes –no fondo, homicidios causados por estes  xestores do capitalismo–, en vez de garantir que isto non volverá a acontecer, afirman querer cambiar a Lei de Estranxeiría para legalizar o que se chama “expulsión quente”.  Que non dirían estes mesmos gobernantes se os galegos e galegas que imos polo mundo adiante, á procura dun futuro mellor, nos expulsasen “quentemente” e sen miramentos deses destinos soñados, de novo, cara a esta terra, da que saímos ao noso pesar porque non hai nada que o Goberno de dereitas faga para impedir a escuridade no horizonte. Imaxinar é doado. Fágano. Porque os nosos e as nosas, e iso que existe libre circulación nesta Europa do Austericidio, non son, precisamente, ben tratados en multitude de casos.
Aquí non dimite ninguén. Non vaia a ser. Aqui ninguén asume responsabilidades. Aquí vivimos no reino monárquico da depredación dos dereitos máis básicos. Dentro e fóra das nosas fronteiras. E semella que lle imos dar rango de lei á inmundicia, e aos homicidios. Porque, non nos enganemos, unha ‘expulsión quente’ cara a un país que non respecta os dereitos humanos, significa, moi probablemente, a baixada aos infernos e a crónica dunha morte anónima, unha máis.

 

Mortes anónimas no Estreito

Te puede interesar