Para cando un congreso do patrimonio cultural?

Xa pasaron dezaoito anos desde que no outono de 1999 tivo lugar en Ferrol o primeiro, e único, Congreso do Patrimonio Cultural da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, organizado polo entón activo Campus Universitario de Ferrol. Un meritorio traballo, aínda que moi tímido e dabondo mellorable, e que ademais non tivo a necesaria continuidade. Semella o momento de que ambas institucións, Diócese e Universidade, leven a cabo un segundo Congreso. 
Mesmo un Concello adormecido como o de Ferrol, incapaz de crear un Museo da Cidade, podería dar un pulo a este Congreso, comezando deste xeito a se preocupar un pouco polo seu Patrimonio Cultural. Emporiso, polo que atinxe á celebración do Congreso, das intencións tácitas ou expresadas polos protagonistas ata de agora, coido que a Diocese quere celebralo pero non pode, a Universidade podería facelo pero non quere e o Concello non sabe, non pode e non quere.  
Segundo a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, no Congreso poderíanse estudar tódolos bens materiais e inmateriais de interese relevante cara á conservación da cultura e da identidade de Ferrol, poñendo deste xeito en valor desde a arte chamada culta ata a arte popular ou desde a heráldica ata a arqueoloxía, nunha formulación aberta e non restritiva do patrimonio cultural.
Dese xeito este Congreso contribuiría á elaboración dese necesario Inventario, ou aínda mellor, do Catálogo dos Bens de Interese Cultural do Concello ferrolán, tanto mobles como inmobles, mesmo os de carácter intanxible, evitando que teñan lugar tristes casos como o do errante Cristo da Tahona, o escudo de armas de Ferrol da Ilustración, a capela medieval de Serantes e o pazo da Mercede, entre outros arrepiantes exemplos de desleixo do Patrimonio Cultural de Ferrol e da Diocese.
Entre os temas a tratar neste congreso non se debería esquecer o estudo do Patrimonio de Ferrol da Ilustración no seu tortuoso e frustrado camiño de máis de 16 anos ao galardón de Patrimonio da Humanidade. Sería de interese afondar no Patrimonio Histórico e Inmaterial que o século XVIII deixou na nosa cidade e que, esquecido ata de agora, non foi merecente dunha axeitada atención dos investigadores. 
Con relación ao fracasado Patrimonio da Humanidade unha recente nova da prensa informa que no Concello se está a traballar na “reordenación do proxecto para ser Patrimonio Mundial no ano 2019”. Como sempre semella que ten que vir xente de fora a facelos nosos deberes, e desta rolda se “externaliza” cara as empresas santiaguesa Trivium e catalá Red Ibertur, ilustres descoñecidas e descoñecedoras do Patrimonio Ilustrado de Ferrol. De novo o Concello ferrolán segue no mal camiño de esquecelas entidades de Ferrol e de contratar a xente allea á cidade.   
Mentres tanto o conxunto do chamado Centro de Documentación do Patrimonio, unha base de datos de 3.000 rexistros de planos e documentos relativos a Ferrol da Ilustración, procedentes de arquivos nacionais e estranxeiros, segue esquecido  no faiado do case sempre pechado edificio do antigo Hospicio, sen que os investigadores poidan utilizar tan importante documentación. O mesmo pódese dicir do abandono das interesantes exposicións sobre Ferrol da Ilustración, preparadas no seu día pola Fundación Ferrol Metrópoli e outras entidades. 
Tamén no ano 1996 celebrouse en Ferrol o II Congreso internacional de Estudos Xacobeos, estudando as Rutas Atlánticas de Peregrinación a Santiago e o correspondente Camiño Inglés. Nun intre que o esta ruta xacobea cada vez acolle un número maior de peregrinos procedentes de diversos países, semella que tamén é un momento oportuno para celebrar en Ferrol un Congreso sobre o Camiño Inglés. O problema é que o Concello non ten interese no tema.
Outro tema de interese é o Patrimonio Industrial. Co gallo da creación dos estaleiros navais no século XVIII, Ferrol e a súa comarca foron o lugar de asentamento dunha importante serie de centros industriais e fabrís. Os últimos intentos sobre o tema, Congreso de Turismo Industrial de Ferrol, en xuño de 2014, e de Patrimonio Industrial de As Pontes, en xullo de 2017, patrocinados e “externalizados” cara aos seus amiguiños pola Deputación Provincial da Coruña, foron senllos e rechamantes fracasos de Diego Calvo e Valentín González Formoso.
jjburgoa@hotmail.com
 

Para cando un congreso do patrimonio cultural?

Te puede interesar