Pensións, desfeita anunciada

O Goberno retirou do Fundo de Reserva das pensións outros mil millóns de euros para facer fronte ao pago do IRPF. En poucas palabras, o sistema de pensións público estase levando á quebra, dado que diminúen acotío os ingresos.
Un retroceso causado pola tarifa plana da Seguridade Social para determinados contratos, e outro tipo de subvencións á patronal e aos/as autónomos. Ao que cómpre sumar a diminución dos salarios e a fraude na contratación, cotizando menos horas das que se realizan ou non facendo contrato. Dise que este axuste é un factor determinante para alentar o emprego, non é certo, en realidade este depende fundamentalmente do aumento do consumo, da anovación e achega tecnolóxica, e da capacidade para gañar mercados.
O Goberno non ignora cales son as consecuencias destas políticas, que implican unha transferencia de ingresos da clase traballadora á gran patronal. Un criterio regresivo que se estende agora progresivamente ás pensións. Faise metendo a man no bote do Fundo de Reserva, e conxelando as pensións dende hai anos. Con estas medidas é lóxico que o Estado español sexa o cuarto coa maior desigualade da OCDE, despois de México, Letonia e Romanía, e que teña un 30% da poboación rente da pobreza. Coa agravante de que no caso dos pensionistas, estamos a falar de persoas que xa non teñen posibilidade de obter por outros métodos recursos complementares.
Todo parece indicar que a pretensión do Goberno é reducir as pensións públicas a unha contía mínima, de subsistencia, aumentando as máis baixas e reducindo as dos que achegaron maiores cotizacións. Ou sexa, aplicar a mesma filosofía que se práctica nas relacións laborais: rotando o traballo no chanzo máis baixo, acompasando ingresos laborais con etapas de desemprego.
Deste xeito, redúcese o paro de longa duración, disciplinase o descontento social e a protesta, e sométese de por vida a unha gran parte da poboación a procurar desesperadamente un contrato. Espérase que os que teñen un traballo fixo se sintan privilexiados, aínda que os ingresos sexan baixos, e empurráselles a contratar planos de pensións privados. Todo acumula lucro para os máis poderosos.

Pensións, desfeita anunciada

Te puede interesar